As reunións buscan promover a instalación de 400 contedores individuales de apertura con chave, de 240 litros de capacidade, destinados ao tecido educativo, social e empresarial
Os encontros informativos estarán dirixidos a empresas e colectivos que queiran mellorar a súa xestión dos residuos orgánicos e reducir o impacto ambiental.
"Reintroducir os residuos na cadea produtiva é clave para reducir o consumo de recursos e mellorar a eficiencia empresarial", destacou Miguel Fernández
- Tema

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, comezará unha serie de encontros nas vindeiras datas coas empresas e entidades que amosaron interese en participar no programa municipal de compostaxe para grandes xeradores de residuos. O obxectivo destes encontros é informar en detalle ás empresas e colectivos educativos e sociais sobre o funcionamento do servizo e facilitar a súa incorporación a esta iniciativa, que xa está en marcha e forma parte da estratexia de sostibilidade impulsada polo Executivo de Paula Alvarellos.
O edil subliñou a importancia de implicar ao sector empresarial e a grandes xeradores, como poden ser os centros escolares, neste proceso de transformación cara a unha economía circular: "As empresas deben comprender que a sostibilidade é unha responsabilidade compartida. Reintroducir os residuos na cadea produtiva axuda a reducir o consumo de recursos e mellora a eficiencia na xestión dos residuos, co conseguinte beneficio medioambiental que supón. A nos aintención é comezar coa instalación destas unidades o antes posible", afirmou Miguel Fernández.
Tal e como estaba contemplado no plan de traballo inicial, este paso chega ao remate da época estival e tras a conclusión da primeira fase de instalación dos colectores marróns na zona sur de Lugo. A resposta cidadá foi notable, con máis de 400 persoas rexistradas para o uso dos contedores. Agora, a seguinte fase do proxecto busca implicar tamén a empresas e colectivos, ofrecendo a oportunidade de participar activamente na mellora da xestión dos residuos orgánicos a través da instalación de colectores adaptados ás súas necesidades.
Os compostadores de 240 litros e apertura con chave, deseñados especificamente para grandes xeradores, permitiranlle reducir de forma significativa o seu impacto ambiental e optimizar a xestión dos residuos orgánicos. As empresas interesadas en sumarse a este proxecto poderán facelo nos encontros informativos da semana que vén, onde tamén se abordarán os beneficios ambientais e económicos do programa.
"A sostibilidade non só favorece o medio ambiente, senón que tamén mellora a eficiencia empresarial, reducindo custos ao tempo que coida da contorna ", engadiu Fernández.
Estas accións forman parte do compromiso do Concello de Lugo para consolidar un modelo de cidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente, involucrando tanto á cidadanía como ao tecido empresarial no coidado da natureza


