A tapa AC-543, do restaurante PAPRICA, campioa do XII Concurso de Tapas de Lugo

Carmen Basadre e Cheché Real fixeron entrega dos premios deste certame, tras a valoración efectuada na pasada fin de semana por un xurado técnico nos 12 locais finalistas, elixidos por votación popular

Xoves, 10 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A tapa AC-543, do restaurante PAPRICA, campioa do XII Concurso de Tapas de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, entregaron este xoves no Salón de Plenos do Concello os premios aos gañadores do XII Concurso de Tapas de Lugo, tras a valoración efectuada na pasada fin de semana polo xurado técnico nos 12 locais finalistas, elixidos por votación popular, Arrocería Os Cachivaches, Restaurante Campos, Casa María, Casa Paco, Esencia, La Encina, Manuel Manuel, Mesón de Colón, Mesón de Alberto, O Mercado Street Food, Paprica e Xoldra. Ademais, ao longo do acto sorteáronse os agasallos entre os clientes que consumiron as tapas o pasado fin de semana, así como se proxectou o vídeo Pedaleando cara as tapas, que fusionaba imaxes da Volta Ciclista coas tapas finalistas.

O xurado estivo composto por Quique Rodríguez, Chef do Hotel Villa Magna de Madrid e fundador da revista gastronómica dixital Gastronómicum, Martín Mantilla, chef do restaurante O Grelo de Monforte de Lemos, Celina Lozano, experta en periodismo gastronómico e blogger gastronómica e Alejandro Penalonga, sumiller. O xurado transmitiu o bo nivel das tapas e agradeceulle aos participantes o seu traballo e esforzo en seguir facendo crecer este concurso.

No acto, a edil agradeceu á asociación a continuidade desta iniciativa, coa que dende sempre vén colaborando o Concello, ao tempo que felicitou aos hostaleiros por mellorar ano tras ano e día tras día a calidade e a creatividades das tapas, non soamente os 12 finalistas, senón aos 44 locais participantes na edición deste certame, unha felicitación que se fai extensible ao resto de establecementos da cidade e da provincia.

Pola súa banda, Cheché Real agradeceu o apoio do Concello a este concurso de tapas e convidou a impulsar a marca E para comer, Lugo entre todos.

O primeiro premio, que representará a Lugo nos distintos certames, foi para a tapa AC-543, servida no establecemento Paprica, a mesma que gañara o premio de tapa ecolóxica, o segundo para a tapa Carabinieri, da Arrocería Os Cachivaches, e a terceira, para A sopa e o mar, do establecemento Colón, gañadora tamén da votación popular. Así mesmo, entregáronse os premios para o maridaxe con Estrella Galicia, que recaeu para a tapa Vieira, Salteado de Verduriñas, Alga e Crocante de Xamón, do establecemento Xoldra, e o do maridaxe con viño DO Ribeira Sacra, para Carabinieri.

Noticias relacionadas