Só o PP rompe o consenso da Corporación a favor do mantemento da gardería do Sagrado Corazón

O peche da escola infantil suporía “unha perda irreparable para o barrio. Non queremos que lle pase como o da Residencia que, tras a supresión de dotacións, esmorece”, subliñou González Santín

A proposta dos socialistas, o Pleno insta á Xunta a tomar con urxencia as medidas oportunas para manter aberto este centro e crear novas garderías na cidade que cubran a demanda

Xoves, 30 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Soamente o Partido Popular rompeu este xoves no Pleno o consenso da Corporación municipal en torno a unha proposta socialista a favor do mantemento da gardería do Sagrado Corazón. O peche da escola infantil suporía “unha perda irreparable para o barrio. Non queremos que lle pase coma outros, como o da Residencia que, tras a supresión de dotacións, esmorece”, subliñou o edil de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín, de quen depende a área de educación.

Deste xeito, a instancias do grupo municipal socialista, o Pleno, coa abstención do Partido Popular, aprobou instar á Consellería de Traballo e Benestar a poñer con carácter urxente os medios oportunos para manter aberta a gardería do Sagrado Corazón e a crear novos centros públicos de Educación Infantil para atender de xeito efectivo a demanda. Neste senso, González Santín lembrou que as dúas garderías de titularidade autonómica en Lugo, situadas en Paradai e na Milagrosa, teñen 274 nenos e nenas en lista de espera, e “a única resposta” da Xunta foi concertar 13 novas prazas, das 500 de toda Galicia.

González Santín lembrou que, a pesar de non ter as competencias, pois trátase dunha responsabilidade da Xunta, o Concello mantén catro garderías con 238 prazas. O edil incidiu tamén en que Lugo ten unha ratio de prazas en función da poboación por debaixo doutras grandes cidades galegas, pois mentres conta con un 5,81%, Pontevedra ten un 8,23%; Ourense, un 7,96%; e Ferrol, un 7,46%.

Noticias relacionadas