Rubén Arroxo visita con estudantes de Enxeñaría a construcción da rotonda de San Eufrasio

Rubén Arroxo: “é unha experiencia importante para as estudantes, que viron como se desenvolve unha xornada de traballo neste tipo de obras”

O tráfico poderá circular con normalidade o vindeiro luns

Venres, 28 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo visita con estudantes de Enxeñaría a construcción da rotonda de San Eufrasio

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Educación, Felipe Rivas, visitaron a construcción da rotonda de San Eufrasio xunto cun grupo de estudantes do grao de Enxeñaría Civil da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC. Arroxo destacou esta visita como “unha gran experiencia para as futuras enxeñeiras e enxeñeiros, que puideron ver en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo nunha obra deste tamaño”.

O Tenente de Aclalde destacou “o bo ritmo que están a levar os traballos”, e afirmou que “o vindeiro luns o tráfico poderá circular con normalidade, coa rotonda construída, mentres se fan os remates da obra”. O tráfico está cortado desde esta mañá, excepto para a circulación do bus urbano, para permitir á empresa realizar os traballos.

Os estudos realizados durante a redacción do proxecto de obra comparan a situación actual e a alternativa da rotonda, medindo tempos de viaxe, tempos de demora, cola media de vehículos, número de paradas e tempo total de cada parada, tendo en conta os momentos de maior fluidez de tráfico. Nas conclusións calcúlase que a lonxitude da cola media de vehículos e os tempos de parada teñen unha diminución case total, o que produce un aforro significativo nos tempos de viaxe e demora, e no número de paradas dos vehículos.

A rotonda eliminará os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente, e aumentará a distancia de visibilidade, que actualmente é inferior á distancia de cruce, o que en conxunto mellorará a seguridade viaria da contorna.

Audio

  • O concelleiro Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre a visita á obra aSan Eufrasio | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo visita con estudantes de Enxeñaría a construcción da rotonda de San Eufrasio

Noticias relacionadas