Remata a edición 2025 do ciclo Enredando co Galego, organizada pola área de Cultura e a AELG

Rubén Arroxo: "Queremos promover o uso do galego entre a mocidade, así como a creación literaria e artística a través da lingua".

As preto de 400 estudantes participantes participaron na gala final que contou coa actuación musical de Mondra.

Mércores, 10 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Remata a edición 2025 do ciclo Enredando co Galego, organizada pola área de Cultura e a AELG

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou xunto coa concelleira de Educación, Iria Buide, na gala final da edición 2025 da iniciativa EnRedando co Galego, que este ano contou coa participación de preto de 400 estudantes de distintos institutos de Lugo. Rubén Arroxo explicou que "co Enredando co Galego queremos promover o uso do galego entre a mocidade, e promover a creación literaria e artística a través da lingua".

As rapazas e rapaces participantes puideron desfrutar dunha xornada festiva presentada por Lois Pérez, e que contou coa actuación musical de Mondra, un dos artistas de maior éxito no panorama musical galego actual.

Na gala celebrada hoxe, a mocidade participante ralizou un intercambio de experiencias, e recibiron un agasallo pola súa participación, ademais de participar no sorteo de agasallos de material electrónico e lotes de libros.

Durante 21 días, as estudantes participantes puideron escoller dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que crearon obras literarias en galego en formato escrito e dixital, que foron enviadas á Escola de Escritoras e Escritores da AELG.

As participantes na modalidade de creación literaria. Durante todo o día, mantiveron o pasado martes un encontr con Xesús Fraga, Premio Nacional de Literatura, e con Yolanda Castaño, unha das poetas con máis traxectoria internacional dentro do ámbito galego e estatal.

Rubén Arroxo destacou a importancia do ciclo Enredando co Galego, como "un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela".

Audio

  • O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre a iniciativa EnRedando co Galego | Descargar mp3

Multimedia

  • Remata a edición 2025 do ciclo Enredando co Galego, organizada pola área de Cultura e a AELG

Noticias relacionadas