Publícase no BOP a convocatoria de prazas da Escola Municipal de Música

Maite Ferreiro: “xunto coas bases publícase o protocolo específico para a escola”

Neste curso non se aumentará o número de prazas para garantir o cumprimento dos protocolos

Venres, 16 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Publícase no BOP a convocatoria de prazas da Escola Municipal de Música

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou da publicación no BOP da convocatoria de prazas para a Escola Municipal de Música, que este ano, debido á aplicación dos protocolos derivados da crise sanitaria da COVID-19, só se ofertan ao alumnado xa matriculado en cursos pasados. “Trátase dunha situación excepcional e esta foi a mellor solución posíbel para garantir que todas as persoas xa matriculadas na escola mantiveran a súa praza”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “xunto coas bases publícase o protocolo elaborado pola directiva da Escola, que segue a liña do resto de actividades realizadas pola área de Cultura para garantir a seguridade tamén na Escola Municipal de Música”.

A Escola ofertará neste curso clases de Clarinete, Saxofón, Gaita, Fagote, Trompa, Trompeta, Trombón, Bombardino e Tuba, Percusión e Piano, que terán unha duración de 30 minutos e serán individuais. No bloque B ofertarase tamén de xeito presencial Música e Movemento, para nados no ano 2015, Formación Básica, grupo 1 para nados en 2014 e grupo 2 para nados en 2013, e o curso 1 de Linguaxe Musical, para nados no 2012, e de xeito telemático os cursos 2 a 6 de Linguaxe Musical e todos os cursos para adultos. As agrupacións musicais da escola non se formarán ao comezo do curso, á espera de mudanzas na situación sanitaria.

As persoas interesadas teñen 10 días de prazo para presentar a documentación requirida, preferentemente por medios telemáticos, no rexistro xeral do Concello, ou de maneira presencial solicitando cita previa no 982 297 350 nos rexistros do Concello ou da propia Escola, ademais de poder presentarse nos rexistros de outras administracións.

Protocolo COVID

Maite Ferreiro explicou que “xunto coas bases, publicamos tamén o protocolo específico para a Escola, para facilitar que todas as persoas o coñezan antes de comezar a actividade lectiva”.

O protocolo, ademais de lembrar as medidas obrigatorias acerca da distancia interpersoal, hixiene de mans e o uso de máscaras, regula o funcionamento específico da Escola. Entre outras medidas, contémplase que os instrumentos compartidos sexan desinfectados despois de cada uso, da mesma maneira que o mobiliario e os accesorios musicais, ademais, creáronse circuítos diferenciados de entrada e saída ás instalacións. “As aulas manterán portas e ventás abertas sempre que sexa posíbel, e, ademais, instalaranse purificadores de aire con filtro HEPA”, explicou Maite Ferreiro.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Escola Municipal de Música | Descargar mp3

Noticias relacionadas