Protección Civil repartirá pulseiras identificativas entre as e os menores para contribuír a súa maior seguridade no feiral

Voluntarios e voluntarias deste corpo entregarán unhas 4.000 destas pulseiras os días 4, 5,  11 e 12, en horarios de mañá e tarde, no posto situado na Horta do Seminario.

Venres, 03 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un ano máis, voluntarios e voluntarias de Protección Civil repartirán pulseiras identificativas entre as e os menores que, nos días de maior afluencia, acudan ao recinto feiral das festas, como unha medida para contribuír a unha maior seguridade dos nenos e nenas, nas zonas máis concorridas durante o San Froilán, como poden ser o feiral, as costas do parque e as prazas do centro histórico.

Tal e como se fixo outros anos, esta previsto o reparto dunhas 4.000 pulseiras, que incorporarán un espazo en branco para que os pais, nais ou titores inclúan os datos de contacto onde se lles poderá chamar en caso de que o menor se extravíe, co obxectivo de axilizar a procura dos nenos e nenas en caso de que se perdan. Protección Civil instalará  o posto de reparto na esquina entre a Praza Horta do Seminario e a rúa Anxo López Pérez, nun dos accesos máis concorridos ao recinto feiral.

O Goberno Local mantén así este tipo de iniciativas especiais, posta en marcha durante as últimas tres edicións das festas patronais, para contribuír a  unha maior seguridade dos cativos e cativas nas aglomeracións propias do San Froilán e para maior tranquilidade dos seus proxenitores.

A retirada das pulseiras poderase facer o día 5 e 12 de outubro de 12.00 a 14.30 e de 17.30 a 20.30 horas, mentres que os días 4 e 11, o horario será de 17.00 a 20.30 horas.

Noticias relacionadas