Manuel Núñez clausurou estas actividades, organizadas polo Concello de Lugo en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico
- Tema

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, clausurou este luns os XVII Cursos de Verán de Educación Vial, que tiveron lugar no Parque Infantil de Tráfico (PIT) dende o 3 ao 28 de xullo. Esta actividade, amplamente consolidada no calendario das familias luguesas, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, busca que os máis pequenos adquiran condutas e comportamentos seguros, tanto como peóns como usuarios do transporte público e privado. Ao acto de clausura tamén asistiu a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, e outros membros da Corporación Municipal.
Con estes cursos, o Goberno tenta que os nenos e nenas aprendan hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, situacións de tráfico reais, e a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos e do uso do chaleco reflector, o casco ou o cinturón de seguridade, entre outros; por mor da importancia de introducir no ámbito educativo o concepto de seguridade viaria e os bos hábitos na vía pública.
Preto de 200 rapaces e rapazas, entre os 8 e 16 anos, recibiron este luns o diploma que acredita esta formación en seguridade viaria no Parque Infantil de Tráfico. Os e as participantes, agrupados por idade, tiveron formación teórica e práctica durante máis dunha semana.