Preto de 1.000 atletas promoven a igualdade de xénero a través do Corre con Nós-Corre con Elas impulsado polo Concello

Os Concelleiros de Deportes e Benestar Social foron os encargados de dar as saídas das probas e entregar os premios aos gañadores

O circuíto discorreu polo entorno da Estrada de Ombreiro co fin de visibilizar o papel da muller na sociedade e no mundo deportivo

Luns, 16 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 1.000 atletas promoven a igualdade de xénero a través do Corre con Nós-Corre con Elas impulsado polo Concello

Os Concelleiros de Deportes e Benestar Social, Miguel Fernández e Ana González Abelleira, respectivamente, asistiron este domingo á carreira Corre con Nós-Corre con Elas, a cuarta proba do XVIII Circuíto Larsa Corre con Nós, organizada polo Concello co fin de promover a igualdade no eido do deporte. Os edís foron ademais os encargados de dar as saídas das diferentes categorías e entregar os premios aos gañadores e gañadoras.

Preto de 1.000 atletas de todas as idades participaron neste circuíto de asfalto que discorreu polo entorno da Fábrica da Luz, Paseo Palestina, Estrada de Ombreiro, área recreativa Os Robles, Pazo de Feiras e Congresos e o Aparcadoiro do Estadio Anxo Carro; rúas que permaneceron cortadas ao longo da mañá do domingo.

As probas realizadas foron as seguintes:

  • Minibenxamín e alevín: distancia de 340 metros.
  • Infantil e cadete: distancia de 1.000 metros.
  • Adultos: distancia de 6.000 metros.

Esta foi a cuarta carreira do Circuíto Larsa Corre con Nós, un programa xa asentado e que polas súas características e valores lle dedica unha carreira especial ás mulleres co fin último de visibilizar o seu papel na sociedade en xeral e máis concretamente no mundo deportivo.

Coa realización deste tipo de actividades o Goberno pon en valor a igualdade entre homes e mulleres apostando pola construción dunha sociedade máis integradora. Neste senso, Corre con Nós-Corre con Elas lanza unha mensaxe de oportunidade e trato igualitario na que todas as persoas participantes saíron dende o mesmo punto de partida sen existir criterios discriminatorios de ningún tipo.

Por outra banda e ao incluír categorías infantís, este tipo de proxectos transmite valores positivos, de esforzo, disciplina e igualdade aos cativos e cativas participantes; o que lles permite adquirir e afianzar valores sociais para o desenvolvemento das persoas en sociedade.

Multimedia

  • Preto de 1.000 atletas promoven a igualdade de xénero a través do Corre con Nós-Corre con Elas impulsado polo Concello

Noticias relacionadas