A Praza Maior acolle a exposición fotográfica Xénese, un canto á natureza, obra do brasileiro Sebastião Salgado

A Concelleira de Cultura, o director da área de Negocio de CaixaBank en Galicia Oriental e o representante en España da obra de Salgado inauguraron hoxe a mostra, que permanecerá aberta ata o 13 de decembro

38 fotografías en branco e negro amosan paisaxes, animais e persoas que foron capaces de escapar da influencia do mundo moderno en rexións polares, bosques e sabanas tropicais, desertos, glaciares e illas solitarias 

Martes, 14 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Praza Maior acolle a exposición fotográfica Xénese, un canto á natureza, obra do brasileiro Sebastião Salgado

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o director da área de Negocio de CaixaBank en Galicia Oriental, Fernando Garza, e o representante en España da obra de Sebastião Salgado, Miguel González, inauguraron este martes a exposición fotográfica Xénese, un canto á maxestuosidade e fraxilidade da natureza, que poderá visitarse ao fondo da Praza Maior ata o vindeiro 13 de decembro.

A mostra recolle 38 imaxes en branco e negro, tomadas polo brasileiro Sebastião Salgado durante as 32 viaxes que fixo en oito anos polo mundo virxe: con paradas na Antártida, Madagascar, Botsuana, Zambia, a meseta estadadounidense do Colorado, Alaska, Galápagos, Siberia ou o Amazonas, entre outros lugares. Nas fotografías recolle paisaxes, animais e persoas que foron capaces de escapar da influencia do mundo moderno en rexións polares, bosques e sabanas tropicais, desertos, glaciares e illas solitarias. Xénese une impresionantes imaxes de paisaxes e vida salvaxe, xunto a retratos íntimos de comunidades humanas que seguen vivindo segundo as súas tradicións ancestrais.

Trátase do terceiro proxecto a longo prazo sobre temas globais que leva a cabo Sebastião Salgado, tras os seus anteriores traballos Traballadores e Éxodos. Se nestes dous proxectos retratou a condición humana e evidenciou as desigualdades do mundo actual mediante unha linguaxe plástica persoal, profunda, poética e de alta calidade formal, en Xénese pon o foco no mundo natural e convida ao espectador a preguntarse sobre o estilo de vida humano actual e o seu impacto nos recursos naturais do planeta.

Embaixador de UNICEF e Príncipe de Asturias

Nacido en 1944 en Aimorés, Minas Xerais (Brasil), Salgado estudou Economía, pero desde os 29 anos dedícase por completo á fotografía. Despois de traballar para as axencias Sygma e Gamma, en 1979 incorpórase a Magnum Photos, onde permaneceu ata 1994, ano no que creou, xunto con Lélia Wanick Salgado, Amazonas Images, unha axencia dedicada exclusivamente á súa obra. En 2001 foi nomeado embaixador especial de UNICEF, e entre os seus numerosos recoñecementos recibiu en 1998 o Premio Príncipe de Asturias das Artes.

Arte na Rúa

Xénese forma parte do programa Arte na Rúa da Obra Social La Caixa, unha ferramenta de coñecemento e integración, que dende 2006 achega ao público as creacións de artistas contemporáneos como Manolo Valdés ou Igor Mitoraj, así como referentes da modernidade como Auguste Rodin ou Henry Moore.

Visitas guiadas

La Obra Social La Caixa organiza visitas guiadas pola exposición os sábados, ás 18.00 horas, e os domingos, ás 12:00, sen reserva previa. Para visitas en grupo e de escolares, pon a disposición o teléfono 902.906.666 para reservar.

Noticias relacionadas