A Policía Local notifica a suspensión de actividade dun local de ocio nocturno en Doutor Fleming por contaminación acústica

A medida, de orixe cautelar, efectivizarase este venres se a propiedade do establecemento non procede ao seu peche.

Axentes do Corpo constataron con diferentes medicións que as emisións de sonido do local superaban os valores establecidos na normativa en vigor.

A intervención, a cuarta que se realiza no último ano, obedece á directriz dada pola alcaldesa, Lara Méndez, de actuar contra os negocios que prexudiquen á convivencia cidadá.

Mércores, 28 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía Local notifica a suspensión de actividade dun local de ocio nocturno en Doutor Fleming por contaminación acústica

A Policía Local vén de notificar o Decreto de Suspensión do funcionamento da actividade dun local de ocio nocturno sito en Doutor Fleming, coa advertencia de que de non facelo no prazo indicado de 72 horas, efectivos deste Corpo procederán a precintar  este venres o establecemento.

A medida cautelar, da que informaba hoxe o Intendente da Xefatura, Jesús Piñeiro, adóptase despois de varias actuacións dos axentes nas que se constatou a superación dos valores máximos de emisión de ruídos que proban a existencia de contaminación acústica e logo de que o Concello lle xa abrira un expediente ao local, denunciado previamente en diferentes ocasións.

Esta é a cuarta intervención deste tipo que a Policía Local realiza no último ano, ao abeiro da directriz dada pola alcaldesa, Lara Méndez, de actuar categoricamente contra os negocios que propicien disturbios e prexudiquen a covivencia cidadá.

“Dende o primeiro momento anunciamos que o Goberno municipal faría todo o posible para conciliar o beneficio empresarial co dereito ao ocio da xuventude pero tamén ao descanso do conxunto da población, que debe poder durmir tranquila e saír á rúa sen medo” afirmou a rexedora.

Méndez explicou, así mesmo, que este establecemento de ocio nocturno permanecerá pechado mentres o seu titular non presente a documentación requirida polo Servizo de Licenzas e esta sexa informada favorablemente polos técnicos municipais.

A alcaldesa lucense mantivo o pasado mes de maio un encontro cunha representación da veciñanza afectada polos ruídos e altercados vinculados a actividade deste local aos que informou dos pasos que estaba a dar a Administración local para resolver a problemática e cos que se comprometeu a incrementar a presión policial na zona.

Noticias relacionadas