"É fundamental que visibilicemos a realidade das persoas que sofren enfermidades raras e crónicas e loitemos por mellorar a súa calidade de vida", afirmou a alcaldesa durante o encontro.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu hoxe na Casa do Concello a Eva Mª Díaz González, vogal da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC). Durante a reunión, na que tamén participaron representantes do colectivo, abordáronse os principais desafíos que afrontan as persoas con enfermidades raras, como a dificultade para obter un diagnóstico preciso e o acceso a tratamentos axeitados.
Alvarellos subliñou o compromiso do Concello de Lugo en traballar estreitamente con FEGEREC para dar maior visibilidade ás enfermidades raras e crónicas e mellorar os recursos dispoñibles para as persoas afectadas: "É necesario que, dende as administracións, sigamos poñendo en valor o traballo das asociacións e colectivos que defenden os dereitos destas persoas, e avancemos na eliminación de barreiras que impiden o seu acceso aos servizos sociosanitarios."
Por outra banda, desexoulle a Eva Mª Díaz éxito no seu labor continuado como vogal de FEGEREC e reafirmou a disposición do Goberno local para colaborar en iniciativas que impulsen a igualdade de acceso a servizos e recursos.

