Papá Noel visitará esta fin de semana os sets de #NadalmenteLucense nos barrios de Augas Férreas, Fontiñas, A Milagrosa e Abella

O sábado, estará de 16:30 a 18:30h en Augas Férreas e de 19 a 21h na praza do Camiño Primitivo; o domingo, de 16:30 a 18:30h na Milagrosa e de 19 a 21h na praza do Castiñeiro.

Continúa, así mesmo, o sorteo de vales de compra todos os venres deste mes. Para participar é necesario presentar un tícket por importe superior a 10€ en comercios locais.

Venres, 16 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Papá Noel visitará esta fin de semana os sets de #NadalmenteLucense nos barrios de Augas Férreas, Fontiñas, A Milagrosa e Abella

Papá Noel visitará esta fin de semana os sets temáticos instalados con motivo da campaña Nadalmente Lucense, promovida polo Goberno de Lara Méndez, nos barrios de Augas Férreas, Fontiñas, A Milagrosa e Abella. Así, os nenos e nenas poderán achegarse a coñecer a Santa Claus, que estará acompañado dun elfo axudante, e trasladarlle directamente as súas peticións durante a tarde do sábado 17 e domingo 18.

Concretamente, o sábado, visitará de de 16:30 a 18:30 horas a praza de Augas Férreas, e de 19:00 a 21:00 horas a praza do Camiño Primitivo; mentres que o domingo, de 16:30 a 18:30 horas atenderá aos nenos e nenas na praza da Milagrosa, e de 19:00 a 21:00 horas fará o propio na praza do Castiñeiro.

Con motivo da campaña de Nadal, enmarcada no movemento Localmente Lucense, o executivo municipal instalou sets decorativos con temática navideña nas principais prazas das agrupacións de barrio da cidade, con buzóns de peticións. Ademais, puxo en marcha animación de rúa a cargo de dous animactores caracterizados de elfos navideños e un sorteo de vales de compra todos os venres do mes de decembro.

Para participar neste sorteo, os interesados deberán presentar un tícket, por importe superior a 10 euros, dunha compra realizada nesa semana e enviar a foto ao correo: nadal@localmentelucense.gal. Deste xeito, os veciños e veciñas entrarán a participar no sorteo semanal de tres vales por importe de 200€, 100€ e 50€, publicado a través das redes sociais cada venres, acumulando así os tícket de cada semana.

Nadalmente Lucense

#NadalmenteLucense é a campaña promovida polo executivo municipal para dinamizar os barrios da cidade e promover o comercio e a hostalería lucenses durante o período navideño, dentro da Estratexia global de reconstrución e reactivación da economía de Lugo, lanzada pola rexedora trala pandemia.

Esta campaña conta con tres piares, que son os seguintes: a organización do primeiro mercado municipal Nadalmente Lucense, na Praza Maior, inspirado nos mercadiños europeos, co fin de  darlle aos negocios da cidade a posibilidade de ofrecer os seus produtos nun dos espazos máis emblemáticos e transitados do municipio; a realización de accions de dinamización nos distintos barrios da cidade; e asesoramento e formación in situ aos comerciantes para a posta a punto dos seus establecementos de cara á campaña de vendas do Nadal.

Estas iniciativas están enmarcadas no Plan de Recuperación post pandemia e dinamización dos barrios do movemento Localmente Lucense, que inclúe actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín ou Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños no río, así como actividades especiais centradas no barrio da Tinería.

Toda a información sobre esta campaña e as bases para a participación no mercadiño poden atoparse na páxina web www.localmentelucense.gal/nadalmentelucense.

Noticias relacionadas