Os vinte peregrinos emprendedores do ‘Lucus Raid’ comezarán a súa andaina polo Camiño a mediados de setembro

A iniciativa da área de Desenvolvemento Local e Emprego vai dirixida a desempregados menores de 30 anos que busquen emprego ou queiran emprender.

O edil Mauricio Repetto destacou que nas distintas etapas do Camiño Primitivo “se incentivará a capacidade para innovar dos participantes, que recibirán formación”.

Venres, 30 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os vinte peregrinos emprendedores do ‘Lucus Raid’ comezarán a súa andaina polo Camiño a mediados de setembro

O ‘Lucus Raid’ como camiño de emprendedores porase en marcha a mediados do mes de setembro e desenvolveranse as fins de semana do 13, 14 e 15 e do 27, 28 e 29. Esta novidosa iniciativa lanzada pola área de Desenvolvemento Local e Emprego, dirixida polo edil Mauricio Repetto,pretende fomentar a cultura emprendedora á vez que pon en valor o patrimonio lucense.

A actividade mestura o esforzo e a resistencia para realizar o Camiño Primitivo en distintas etapascoa formación e a motivación para mellorar a empregabilidade da mocidade. En total participarán quince mozos e mozas, que adquiran coñecementos básicos cos que impulsar a creación da súa propia empresa.

A iniciativa foi presentada a comezos do mes de xullo pola área de Desenvolvemento local e Emprego, que dirixe Mauricio Repetto, onde explicou que “a iniciativa vai dirixida preferentemente a persoas desempregadas menores de 30 anos e as mulleres de Lugo que estean a buscar empregou con carencias para iniciar un negocio xa que pensamos nestes colectivos porque se atopan en situación de maior vulnerabilidade á hora de inserirse no mercado laboral", incidiu.

Segundo o concelleiro, “desde o Concello seguimos a apostar por impulsar as redes de emprendimento e pola creación de sinerxias para crear un ecosistema emprendedor no ámbito local, tendo en conta, ademais, o éxito que están a ter as economías colaborativas”.

O ‘Lucus Raid’ ten a intención de crear un proceso participado e participativo, que ademais de enriquecer e fortalecer os novos proxectos emprendedores, permitiranos identificar problemas e retos para a creación dun Lugo emprendedor, coa consecuente xeración de novas ideas e solucións de forma creativa e innovadora, utilizando “o Camiño Primitivo” como canle e vía de comunicación e xeración de valor.

O programa previsto no itinerario será o percorrido do Camiño durante as mañás (20 quilómetros diarios de media) e o desenvolvemento de talleres formativos polas tardes, que estarán a cargo de especialistas en áreas estratéxicas para a posta en marcha de iniciativas empresariais. Ao mesmo tempo que se da a formación potenciarase a creación de lazos de cooperación entre os participantes.

As etapas axustaranse ao percorrido tradicional do Camiño de Santiago durante os últimos 140,9 quilómetros do Camiño Primitivo, desde o antigo hospital de peregrinos en A Fonsagrada ata Santiago de Compostela. 

O programa inclúe aloxamento en albergues e a manutención, así como un kit de peregrinos.

Noticias relacionadas