O viveiro de empresas do Concello na Tinería revitalizará o barrio con actividades con alta capacidade para atraer público

A Alcaldesa anunciou a resolución do comité técnico de valoración das 18 solicitudes presentadas para o aluguer dos locais comerciais que puxo a disposición o Goberno co fin de dinamizar social e economicamente a zona

Grazas a esta iniciativa municipal, implantaranse negocios variados, orixinais, innovadores, comerciais e cunha elevada posibilidade de atraer xente tanto de Lugo como de fóra, relacionados co sector turístico, moda, tecnoloxía, deporte, lecer e arte

Quedou de relevo a diferente forma de entender o público que ten o PP e este Goberno, pois “mentres a Xunta propuxo unha poxa dos inmobles, sen control sobre o seu uso e a inmediatez do mesmo, nós apostamos por un viveiro de empresas que impulsará o barrio de maneira eficaz e controlada”

Xoves, 20 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O viveiro de empresas do Concello na Tinería revitalizará o barrio con actividades con alta capacidade para atraer público

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este xoves a resolución do comité técnico de valoración das propostas dos 18 emprendedores e emprendedoras que solicitaron o aluguer dos locais comerciais que o Concello puxo a disposición na Tinería co fin de crear un viveiro de empresas a pé de rúa para dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada. Grazas a esta iniciativa municipal, implantaranse na zona negocios variados, orixinais, innovadores, comerciais e cunha elevada posibilidade de atraer xente tanto de Lugo como de fóra, relacionados co sector turístico, moda, tecnoloxía, deporte, lecer e arte.

Méndez deu as gracias a todos os emprendedores que se presentaron á convocatoria pública “por crer neste proxecto, no que o Goberno está a poñer moito esforzo e ilusión”. Tamén puxo en valor a gran calidade dos seus proxectos: “Sentimos que non haxa locais suficientes para todos porque todos o merecían. A totalidade das propostas de negocio foron orixinais, moi traballadas, innovadoras,  cunha alta capacidade de dinamización do barrio, e moi acaídas aos usos que plantexamos. Por iso, estamos moi satisfeitos porque vén a ratificar algo que xa sabiamos: en Lugo hai moito talento e moito compromiso co desenvolvemento da cidade, eiso, a pesar do ruído e desconfianza que se tratou de xerar en torno a esta convocatoria”.

A Alcaldesa lembrou que o comité técnico de valoración estivo composto por 6 persoas: 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus); un vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio; un vogal nomeado pola CEL e a Vicesecretaria do Concello.

Os criterios de valoración, tal e como establecían as bases, foron de dous tipos: cuantitativos (tipo de empresa: de mercado, de economía social ou procedentes de viveiros ou coworkings...) e cualitativos (adecuación da actividade ás características do local e capacidade de dinamización comercial e atracción de público ao barrio).

Segundo a resolución da mesa de valoración, as actividades seleccionadas son as seguintes:

 SITUACIÓN LOCAL

 

 ADXUDICATARIO E ACTIVIDADE

 RENDA MENSUAL (SEN IVE) 

Recanto do Miño, 8

Lidia de la Fuente López: visitas guiadas e excursións

30,23 €

Miño, 26

O Breogán na Tinería

36,99€

Miño, 32

Unha de Romanos: Centro de interprentación do textil e indumentaria

59,75€

Tinería,36

 

Grupo Tecnolóxico Lucense SL: tenda de reparación de dispositivos electrónicos

10,58€

Tinería, 24

Sara Lage: taller de deseño e confección a medida de traxes de noiva e invitada

22,87€

Tinería, 44

 

Deserto por non presentarse ningunha proposta

16,45€

Recanto do Miño,15

 

Purificación Juanes/Recados Lugo: Centro de atención e recollida de material e mochilas a peregrinos

8,36€

Praciña da Universidade, 3. Letra I

 

Parteluz Estudio SLU: estudo taller de restauración artística

34,78€

Praciña da Universidade, 3. Letra II

Lucus Aventur SL: aluguer, venda e mantemento de bicicletas, patíns e triciclos

32,67€

 

O emprendemento ten rostro de muller

A maioría das actividades adxudicatarias son impulsada por mulleres (5 de 8), algo polo a Alcaldesa dixo sentirse “como muller, especialmente, orgullosa, cando ademais non se aplicou discriminación positiva por razón de xénero na baremación”. “Cando hai oportunidades, as mulleres sabemos aproveitalas”, recalcou.

Tamén resulta moi satisfactorio para o Goberno, sinalou Lara Méndez, “e nos garante que vamos a cumprir co obxectivo que nos marcamos co viveiro de empresas da Tinería –a revitalización social e económica do barrio- que os negocios que alí se poñerán en marcha son variados, orixinais, innovadores, comerciais, e cunha alta capacidade de atraer á zona tanto a xente de Lugo, como de fóra”.

Con respecto ao local que quedou deserto porque non recibiu ningunha proposta, a rexedora sinalou que o Goberno está estudando distintas opcións para abrilo tamén ao público.

Próximos pasos

Despois da resolución provisional de adxudicatarios da que deu conta hoxe a Alcaldesa, ábrese un prazo de 5 días naturais para a posible presentación de alegacións. Seguidamente, no vindeiro mes, producirase a resolución definitiva e a entrega de chaves, co que os beneficiarios poderán iniciar as obras de acondicionamento dos locais, para o que teñen un prazo de catro meses.

Modelo de cidade

A Alcaldesa subliñou que nesta cuestión púxose de relevo a diferente forma de entender o público que ten o PP e o Goberno progresista do Concello, pois “mentres a Xunta propuxo unha poxa destes inmobles rehabilitados con fondos públicos para deixalos en mans privadas, sen control sobre o seu uso nin garantías de que este fose inmediato, nós apostamos e sacamos adiante un viveiro de empresas, que permitirá impulsar de maneira controlada e eficaz a dinamización social e económica da Tinería a través dunha economía sostible e de valor engadido, ademais de seguir fomentando a diversificación e innovación do tecido empresarial lucense”.

Esta política forma parte do modelo de cidade do Goberno de Lara Méndez, “un modelo pensado para as persoas, centrado na recuperación de espazos públicos e na dinamización dos barrios, como a Tinería, unha zona emblemática, a través do emprendemento, o emprego e a economía”. Neste senso, a Alcaldesa recalcou que o Executivo destinou 3M€ a emprego no Orzamento deste ano e ten en marcha programas como o plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, cuxa terceira fase clausuran a propia rexedora e Ana Prieto esta tarde no CEI Nodus, e o programa de formación Empregalia.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre las propostas dos locais de "A  Tinería" | Descargar mp3

Noticias relacionadas