O servizo de Orientación Laboral do Concello atendeu a máis de 1.200 persoas, o 57% mulleres, durante o primeiro ano trala súa reactivación

O Goberno de Lara Méndez puxo en marcha novamente este servizo, inactivo dende o ano 2014, dentro da súa aposta pola xeración de emprego e o impulso de políticas activas coas que mellorar a situación laboral dos e das lucenses

Mauricio Repetto: “Trátase de persoas desempregadas inscritas e derivadas dende o Servizo Público de Emprego de Galicia para a realización de entrevistas e itinerarios personalizados de inserción laboral”

Xoves, 22 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O servizo de Orientación Laboral do Concello atendeu a máis de 1.200 persoas, o 57% mulleres, durante o primeiro ano trala súa reactivación

O servizo de Orientación Laboral do Concello atendeu a máis de 1.200 persoas durante o primeiro ano de funcionamento, trala súa reactivación en setembro de 2019. Así o subliñou o edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, concellería da que depende este departamento. “Trátase de persoas desempregadas inscritas e derivadas dende o Servizo Público de Emprego de Galicia para a realización de entrevistas e itinerarios personalizados de inserción laboral”, explicou.

O Goberno de Lara Méndez decidiu poñer en marcha novamente este servizo, inactivo dende o ano 2014, dentro da súa aposta pola xeración de emprego e o impulso de políticas activas coas que mellorar a situación laboral dos veciños e veciñas de Lugo, pese a non ter as competencias directas neste eido.

Do total de usuarios atentidos, o 57% foron mulleres e o 43% homes. Así mesmo, o 60% foron persoas maiores de 30 anos. En canto aos estudos cursados, un 7,5% ten estudos primarios, un 15,5% ten EXB ou a ESO, un 12,69% ten Bacharelato, un 3,4% teñen ciclo medio de FP ou FP1, un 9,68% teñen ciclo medio ou FP2, un 16,5% teñen estudos universitarios, posgraos ou doutorados, e un 34% non ten estudos.

Mauricio Repetto apuntou que “así mesmo, reactivamos a páxina da Axencia de Colocación do Concello de Lugo (https://lugo.portalemp.com/) que conta actualmente con 330 persoas inscritas e 19 empresas rexistradas, e creamos unha canle de comunicación online a través da rede social Facebook, que conta xa con preto de 3.300 seguidores, e na que diariamente se publican ofertas de emprego do ámbito de Lugo e a súa contorna, e se resolven as dudas dos usuarios”.

Ao longo deste ano de actividade, cómpre subliñar tamén a participación na organización da “1ª Xornada Speed Networking – Unha dobre oportunidade” en colaboración coa Fundación ONCE, co obxectivo de intermediar no contacto directo entre persoas desempregadas con discapacidade e empresas de diferentes sectores do tecido empresarial do Concello de Lugo con ofertas de emprego susceptibles de ser cubertas por dito colectivo.

Por outra banda, dende este departamento levouse a cabo unha ampla prospección no ámbito do tecido empresarial lucense para coñecer as necesidades das empresas, tanto en formación como de recursos humanos e/ou novos proxectos xeradores de emprego, así como para dar a coñecer os servizos de que dispoñen as empresas a través do Concello de Lugo.

Tamén se xestionou o proxecto Fórmate Lugo, pois as áreas e os cursos que se impartiron foron seleccionados despois dun traballo de análise previo de necesidades desenvolvido polo servizo de Orientación Laboral, que tivo en conta na elección das materias aquelas que teñen unha alta demanda no mercado laboral actual.

Finalmente, cómpre subliñar a participación na “RED TIL” (Rede de Técnicas/os de Inserción Laboral de Lugo) para coñecer as necesidades e buscar posibles solucións á problemática observada no entorno laboral da área lucense e os seus colectivos.

Noticias relacionadas