O servizo de comedor que presta o Concello en 9 colexios públicos cun investimento anual de 800.000€ gaña calidade

A Alcaldesa e o Concelleiro de Educación participaron na inauguración das instalacións da nova cociña na que se preparan os menús para os 660 nenos e nenas usuarios, máis ampla, moderna e con maiores prestacións

A Xunta, administración coas competencias neste eido, destina 44.500€ ao ano, o que supón un 5% do que lle dedica o Concello

Xoves, 08 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O servizo de comedor que presta o Concello en 9 colexios públicos cun investimento anual de 800.000€ gaña calidade

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto ao Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, participou na inauguración das instalacións da nova cociña na que a empresa adxudicataria do servizo de comedores escolares que presta o Concello, Alimentación Saludable Gallega, prepara os menús para os 660 nenos e nenas usuarios. A nova cociña, situada no polígono das Gándaras, é máis ampla, moderna e con maiores prestacións que a que ata o mes pasado utilizaba a adxudicataria para elaborar a comida, co que o servizo, que xa contaba cunha boa valoración por parte das familias, gaña agora aínda máis calidade, tanto dende a propia presentación dos pratos, como da variedade e dos valores nutricionais. Ao acto acudiron representantes das asociacións de nais e pais.

Aínda non sendo competencia municipal, pois é da Xunta de Galicia, o Concello fai un importante esforzo económico, que supera os 800.000€ ao ano, para ofrecer o servizo de comedor escolar en 9 colexios públicos: Albeiros, Anexa, As Mercedes, Illa Verde, Menéndez Pelayo, Luis Pimentel, Paradai, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón. En todos estes centros ofrécese o servizo de madrugadores e xantar. Ademais, o colexio de Casás conta con servizo de madrugadores. A Administración autonómica, á que lle correspondería ofrecer esta prestación, destina 44.500€ ao ano, o que supón un 5% do que lle dedica o Concello, cando a Xunta ten 100 veces máis orzamento que a entidade local. O servizo ofrecido polo Concello inclúe a elaboración das comidas, a súa distribución ata as mesas, o reparto entre os nenos e nenas, e a vixilancia no comedor.

Aumento de usuarios

O número de nenos e nenas que usan o servizo municipal de comedor escolar experimenta un aumento continuo, o que tamén levou á adxudicataria a ampliar as instalacións de cociña. Arrancou no curso 2016-2017 con 500, subiu un 5% no 2017-2018 e un 15% no actual curso 2018-2019, chegando ata os 660 usuarios. Os centros cun maior incremento son As Mercedes, Illa Verde e Anexa.

Noticias relacionadas