O proxecto de Orzamentos do Goberno para o 2016 recolle un 21% para políticas sociais e 1,5 millóns para un plan de emprego

Os presupostos “están pensados nas persoas e para as persoas”, subliñou a edil de Economía, quen deu a coñecer as principais liñas de actuación das contas, que ascenden a 89,8M€

O Goberno segue “aberto ás achegas dos grupos políticos”, aos que Ana Prieto pide “altura de miras, seriedade e responsabilidade á hora de presentar as propostas”

Os investimentos en infraestruturas suman 8,5 m€ para a creación dunha zona pública de baño no Miño, a remodelación da Praza de Abastos, o Novo Auditorio ou a humanización da Avenida Duquesa de Lugo, entre outras obras

Contempla 400.000 euros para continuar cos Orzamentos Participativos, así como a actualización dos contratos vencidos con empresas que prestan os seus servizos ao Concello

Luns, 25 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Prieto, Concelleira de Economía

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, deu a coñecer este luns o borrador do proxecto de Orzamentos do Concello de Lugo elaborado polo Goberno para este 2016, que ascende a 89,8 millóns de euros e ten como piar fundamental as políticas sociais e a creación de emprego, ás que vai destinado o 21% do presuposto (19M€). Neste senso, o Goberno consigna unha “ambiciosa dotación de 1,5 millóns de euros de fondos propios para lanzar un novo plan de emprego”, subliñou a edil.

“Son uns orzamentos elaborados pensando nos lugueses e luguesas e nas necesidades reais dos veciños, aos que por riba de todo se debe este Goberno”, subliñou Prieto, quen se mostrou satisfeita do traballo realizado nos últimos meses de xeito consensuado entre todos os departamentos do Concello para sacar adiante as contas municipais.

Diálogo e negociación

“Na tónica constante de diálogo e cumprindo coas máximas que dende o principio tivo este Goberno Municipal, transparencia e participación, o pasado mes de decembro achegámoslle ao grupo municipal do BNG e Lugonovo, os grupos que facilitaron a investidura, como é unha cuestión lóxica xa que son os que poden ter un proxecto máis afín, a nosa proposta de orzamentos”, explicou a edil, quen asegurou que a negociación iniciada tras as eleccións municipais é unha constante no traballo municipal diario. “Dialogamos e negociamos pero por riba de todo gobernamos”, aseverou Prieto, ao tempo que lembrou que os orzamentos non están pechados. Deste xeito, o Goberno continúa aberto e sensible ao resto de achegas que formalicen os grupos da Corporación, aos que a edil lles pediu “altura de miras, seriedade e responsabilidade” á hora de realizar propostas.

Orzamentos pensados para e nas persoas

Tal e como deu a coñecer a Concelleira, no 2016 destinaranse ao redor de 19 millóns para incrementar as políticas activas de emprego e para manter uns servizos de promoción social fortes, un 21% do orzamento total. “Elaboramos uns orzamentos pensados para as persoas e nas persoas, realizando un importante esforzo económico nesta área, pois soamente deste xeito podemos garantir unha maior calidade de vida aos lucenses”, afirmou a edil.

Para políticas de fomento do emprego, o proxecto do Goberno contempla máis de 5 millóns de euros, un 5,6% do orzamento total, producíndose un aumento de 2,08 millóns de euros con respecto ao 2015, dos cales 1,5 millóns irán destinados a un novo plan de emprego activo. Trátase dun “incremento salientable”, tal e como o definiu Prieto, posto que se executaron o 100% dos fondos FEDER do URBAN.

No que se refire a benestar social, o Concello continuará esforzándose polas persoas e pasando de destinar o 8,79% do 2015 ao 9,1% no 2016.

Atendendo á realidade da cidade e ás vellas demandas veciñais, o proxecto de Orzamentos reforza os investimentos en infraestruturas sumando 8,5 millóns de euros para a creación dunha zona pública de baño no Río Miño -250.000 euros-, a remodelación da Praza de Abastos -650.000 euros-, o equipamento do Novo Auditorio -50.000 euros-, humanización da Avenida Duquesa de Lugo -800.000 euros- ou mellora dos viais do rural -270.000 euros-, entre outros.

“Mentres outras institucións recortan en políticas sociais cando son máis necesarias, no Concello priorizámolas, destinando neste ano 194 euros por veciño a políticas de promoción social”, aseverou a edil, quen se referiu aos orzamentos como “razoables, equilibrados e de carácter social, acordes aos problemas actuais dos lugueses”.

Outras liñas de actuación

O proxecto presentado este luns pola Concelleira, que foi adiantado pola Alcaldesa ao resto da Corporación nunha Xunta de Voceiros mantida esta mañá no Salón de Comisións, contempla 400.000 euros para continuar cos Orzamentos Participativos, así como a actualización dos contratos vencidos con empresas que prestan os seus servizos ao Concello.

Figuran ademais 9,4 millóns para adaptar ao século XXI a Policía Local e o Corpo Municipal de Bombeiros, 9,6 millóns para abastecemento e saneamento, 9,7 para a recollida de residuos, 2,7 para medio ambiente e 4 millóns para cultura.

Audio

  • Ana Prieto, durante a presentación dos Orzamentos do Goberno para o 2016|Descargar mp3

Noticias relacionadas