O polbo á pandeireta anunciará este ano o San Froilán

Carmen Basadre deu a coñecer este martes os deseños gañadores dos certames convocados polo Concello, tanto do San Froilán como do San Froilán Miúdo, obras de dúas lucenses

Martes, 20 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O polbo á pandeireta anunciará este ano o San Froilán

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes o cartel anunciador do San Froilán 2017, que baixo o nome Polbo á pandeireta representa o polbo, a noria e a música tradicional, "polo tanto é un reflexo importante do San Froilán".

A edil tamén anunciou o deseño que anunciará o San Froilán Miúdo, Estrella del cielo, que reúne os elementos máis emblemáticos da cidade e o máis característicos destas festas.

Trátase de dúas obras elaboradas por dúas mulleres luguesas, a cativa Zintia Fernández Villanueva e Erica Pereiro Silvosa, tal e como avanzou Basadre ao tempo que informou que os deseños do San Froilán Miúdo foron seleccionados por un xurado profesional composto polo profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Alejandro Carro Rodríguez, o fotógrafo José Reigosa Piñeiroa e o deseñador Miguel Fernández Vázquez.

No que se refire ao cartel do San Froilán, celebrouse un concurso nas redes sociais e entre os 10 que máis votos obtiveron dito xurado elixiu ao gañador.

O fallo produciuse este mañá no Salon de Comisións, onde se xuntaron os 64 traballos presentados polos máis cativos, 20 máis que a pasada edición, e os 10 finalistas dos adultos, entre os máis de 160 presentados, o dobre que o pasado ano. A gañadora, no caso dos adultos, recibirá un premio económico de 2.000 euros, e a cativa n premio adaptado á súa idade, valorado en 300 euros.

A edil amosou a súa satisfacción pola alta participación nestes dous certames que buscaban a imaxe oficial destes festexos que terán lugar do 4 ao 12 de outubro,  e que na pasada edición deixaron en Lugo 12 millóns de euros e unha ocupación hoteleira que colgou o cartel de completo na fin de semana.

Audio

  • Carmen Basadre sobre o cartel do "San Froilán 2017" | Descargar mp3

Multimedia

  • O polbo á pandeireta anunciará este ano o San Froilán

Noticias relacionadas