O poético pregón de Marica Campo, cheo de optimismo, alegría e gañas de vivir, "que son as que fan que os pobos progresen" marcan o inicio do San Froilán

A Alcaldesa presentou á pregoeira, "un icono cultural da literatura e apaixoada por Lugo"

Os festexos inclúen máis de 200 actividades aptas para todos os públicos e idades. Mañá, día do San Froilán, terá lugar a ofrenda da Corporación, presidida por Lara Méndez

Mércores, 04 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O poético pregón de Marica Campo, cheo de optimismo, alegría e gañas de vivir, "que son as que fan que os pobos progresen" marcan o inicio do San Froilán

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este mércores á pregoeira do San Froilán 2017, Marica Campo, nomeada pola Comisión de Festas. Na presentación, Méndez, quen amosou a súa satisfacción que neste 2017 sexa unha muller pregoeira, despois de tantos anos, tamén fixo fincapé na gran presenza feminina na programación destes festexos.

"Falar de Marica Campo é falar dunha persoa dedicada á docencia de vocación, unha persoa referente na nosa cidade e na nosa provincia, icono cultural da literatura, unha persoa que ten escrito moito, pero que lle gusta máis leer que escribir. Falar de Marica Campo é falar dunha apaixoada por Lugo", destacou a Alcaldesa.

Tras o pistoletazo de saída das festas patronais luguesas, tivo lugar un espectáculo pirotécnico. Os actos para a xornada inaugural do San Froilán inclúen tamén o concerto de Goran Bregovic e as actuacións das orquestas Metamovida e Essencia.

Ata o vindeiro día 12 terán lugar unhas 200 actividades, Mañá martes, día do San Froilán, ás 11:00 horas, terá lugar a apertura da feira de antigüidades e coleccionismo na rúa da Raíña. A Corporación Municipal realizará un ano máis a ofrenda a San Froilán, ás 12:00 horas, acompañados pola agrupación Raíces do Campo e a Banda Municpal de Música. ao longo do día haberá pasarrúas a cargo de Son de Cores, Caivanca, Os Charangos de Neda, Raíces do Campo, Valuras e Devandoira Infantil. A Penúltima amenizará a sesión vermú, no Campo Castelo, e a orquestra Costa Dorada a verbena, na Praza Maior. Os cocnertos do día do patrón correrán a cargo de Edgar Bao e Rosa Cedrón, así como dos Djs Army, Manu Chady, Dr Think e Frisco e Marcós Peóns. Como é de costume, mañá tamén terá lugar unha sesión de fogos artificiais.

Marica Campo, que asinou no Libro de Ouro do Concello, ofreceu un pregón poético, que revousou optimismo, alegría e gañas de vivir, "que son as que fan que os pobos progresen", segundo o definiu a propia pregoeira.

Pregón San Froilán 2017

Póñano xa á intemperie
-fálolles do corazón-
para que a festa comece.

Igual que unha cantareira
das que andaban os camiños
quere ser a pregoeira.

Mais, como non teño xeito,
-e fáltanme voz e oído-
voulles falar ao dereito.

Direi as cousas rimadas,
en tríades, por facer
máis amena a parolada.

Non darei pinchacarneiros
-aínda que o corpo mo pida-
por mostrar o meu contento.

Que me sinto tan honrada
por estar agora aquí,
que debo loitar coas bágoas.

Habían ser de alegría
que a nostalxia non nos cómpre
para facermos folía.

===============

Pido, señora alcaldesa,
concelleiras, concelleiros,
autoridades, licenza

para dicir o que penso,
o que sinto e que me peta
con cariño e con respecto.

Mais antes quero dar grazas
por confiardes en min
para unha función tan grata.

Chamar á festa é fermoso,
mais para eu estar á altura
preciso do alento voso.

Se aínda así non acertase,
agardo benevolencia,
que é humano trabucarse.

Antes ca min pregoaron
persoas de gran prestixio:
eu ben quixera emulalos.

Lugueses, luguesas, xentes
vidas desde outras terras,
pequenos e adolescentes:

a festa non ten idade,
-non nos quiten o bailado-
que é fonte de mocidade.

Non lles vou falar de min,
non son a protagonista
do que se celebra aquí.

Protagonista é o pobo
que se alza contra a tristura
e estrea un sorriso novo.

Porque chega o San Froilán,
a mellor festa galega
e estamos un ano máis.

É un conxuro para o inverno
que facemos cada outono
e escribimos no caderno

que garda os días felices,
en que esquecemos as penas
mais as súas cicatrices.

Non lles vou falar de min
nin dos recordos que levo
no faiado do maxín.

Da miña cara de pampa
ollando o pozo da morte,
do olor a “garrapiñadas”,

das mesas das “pulperías”,
elementais e lavadas
con regueiros de lixivia.

Dos carruseis de cabalos
de madeira, que xiraban
como saltando valados.

Da tómbola do xamón
e tamén da Caridade,
das bailadas no Cantón.

Da Praza de San Domingos,
ateigada de sorpresas,
e do teatro Argentino

na Praza da Soidade
que non nos deixaban ver
por ser menores de idade.

Seica había picardías
e mozas con pouca roupa
impropias das xentes pías.

Tampouco lles vou falar,
aínda que xa o estou facendo,
porque me custa calar,

da gran carreira de motos
polo arredor da muralla,
de Vega facendo fotos.

Das vacas e os bois na feira,
hoxe estación de autobuses,
dos labregos e as labregas

cheos de sabedoría,
Pelúdeces, Filomenas,
ollando con ironía

o que vían polas rúas,
as meixelas coloradas,
fronte ás pálidas fazulas

de rapazas requintadas
con zapatos de tacón
e cabeleiras cardadas.

Bastantes cousas mudaron,
mais outras seguen tal cal,
seica os anos non pasaron.

Pasamos nós e deixamos
unha herdanza de alegría
cada vez que festexamos.

===================

Mais cómprenos recordar,
sexamos crentes ou non,
a vida de San Froilán.

Que o santo existiu é historia,
mais o do lobo quizais
é un capricho da memoria.

Porén a lenda é fermosa
e encerra grande ensinanza
que nos convén facer nosa.

Lugués do século nove,
o mesmo baixa valgadas
que polas montañas sobe.

Vai predicando o Evanxeo
e facendo fundacións
cos ollos postos no ceo.

Nunha destas correrías
aconteceu o milagre
ao que antes me refería.

Disque o burriño do santo
viña cargado de libros
e el ao seu par camiñando.

A barriga de mal ano
sacou un lobo famento
engulipando aquel asno.

Contan que o santo falou
e con palabras moi duras
sobre as costas lle botou

o que antes cargaba o burro.
Os que o miraban pasar
ficaban co abraio mudos.

Mansiño como unha ovella
ía o lobo relevando
á vítima que comera.

Exemplo, pois, de xustiza.
(Non creou xurisprudencia,
por iso poucos o imitan).

Se o fixeren, canta paz
habería neste mundo
de ladróns e lacazáns!

Menos mulleres matadas
pola praga do machismo
e menos asoballadas.

::::::::::::::::::

A festa tamén é un libro,
o prólogo é o pregón
e nós imos escribilo.

Que beba en copa de pedra
xunto con nós a muralla
ese bo viño que alegra.

Ela é a roda do tempo
dos que están e dos que non,
mais van no noso fardelo.

Da memoria da cidade
non se borran, sempre quedan
a facer eternidade.

Pimentel e Rosalía
andaron por estas rúas,
Cunqueiro e Manuel María,

Xoán Montes e Novoneyra,
e outras glorias de Galiza
nunha moi longa ringleira.

Glorias de Galiza son
cantos para nós gardaron
a lingua que nos creou.

Mulleres e homes sen nome
nas crónicas nin nas rúas,
que son os que a vida moven,

os profesionais honrados,
os dos oficios humildes:
van os seus nos nosos pasos.

Xentes coma o río Miño
que non son auga pasada
e aínda moven o muíño.

Volvan ao seu San Froilán
porque están todos en nós
e en nós seguen a gozar.

A quen viñemos despois
pasáronnos esta vida
con esta celebración.

Tamén nós lla pasaremos
aos que nos seguen detrás
e neles perduraremos.

Igual que follas voando,
douradas na luz do outono
a caer, mais regresando.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Recomendaba Catón
mesturar coas inquedanzas
divertimento a cachón.

En tempos de adversidade
festexar e estar coa xente
é ben xenerosidade.

Esaxerar a alegría
réstalle importancia ás penas
como á noite a luz do día.

Que a alegría é un tesouro,
por iso Franklin dicía
que todo o converte en ouro.

Rir fainos moito mellores,
a alegría é contaxiosa
en pequenos e en maiores.

A alegría non se gasta,
fabrícase ao alegrarnos,
é como cousa de maxia.

Temos, xa que logo, a obriga
de mandarlle moita ao mundo
que non a ten e a precisa.

E non esquecer tampouco
que a nosa festa remata
canda os dereitos dos outros.

Facer festa non é ir
destruíndo o patrimonio
e emporcallando o porvir.

Que o porvir quere limpeza,
sen ela non hai futuro
para nós e para a terra.

Un pouco de desmedida
e moito máis de cordura
farán a festa cumprida.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Ánxel Fole, que sabía
todos os xeitos dos lobos,
e abofé que os coñecía,

nun apócrifo de vello
chamado Cousas luparias
dábanos este consello:

“Non comen froitos do mar
os lobos, non comen polbo,
non han vir ao San Froilán.

Así que non teñan medo
e non perdan as verbenas
nin deixen de ir aos concertos”.

Así Neumandro asinaba,
o que lin nun exemplar
entre os libros de Fusalba.

Non o busquen, vai no vento,
e non podo asegurar
se foi verdade ou invento.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

A música é un gran licor,
e o baile un médico sabio,
mais sobre todos o amor.

Sen amor non temos festa
nin nada que celebrar,
que o amor suma e non resta.

Namórense ben máis veces
mesmo da mesma persoa
como din os portugueses

alí onde dona Inés
agarda volver un día
para beixar o seu rei.

Co amor medra o corazón
e devén en casa grande,
póñano desde hoxe ao sol.

Ninguén se sinta estranxeiro,
que da gran nave da terra
todos somos pasaxeiros,

e pasaxeiras, xa ora,
pola ruta das galaxias
os de aquí e os de fóra.

A risco de repetir
o que lles veño dicindo
volvo de novo a dicir:

A festa ten que ir en nós
e deixar que saia fóra
con sentimento e paixón.

Lucenses e outros festeiros,
luguesas, familia grande
dos nacidos baixo o ceo,

viva sempre o San Froilán,
que veña a paz a esta terra,
que a ambición se volva pan

na mesa de todo o mundo.
Non esquezamos soñar,
o quefacer máis fecundo.

Ha marchar o San Froilán,
mais como o gato de Alicia
deixará o riso no ar.

Que así sexa, sexa así,
que vivan Lugo e Galiza
e cantos saben sorrir.

Moitas grazas.

Audio

  • Lara Méndez, presentou este mércores á pregoeira do San Froilán 2017 | Descargar mp3
  • Marica Campo, sobre o inicio do pregón | Descargar mp3

Noticias relacionadas