O Plan Dinámico de Intervención impulsou no primeiro semestre deste ano a posta a punto das instalacións deportivas municipais con preto de 289.000 euros

As actuacións incluíron labores de mantemento, adquisición de material e investimentos en mellora de infraestruturas.

Destacan melloras en campos de fútbol, pavillóns, pistas polideportivas e espazos de atletismo, que incrementan a seguridade e funcionalidade das dotacións.

O edil Jorge Bustos subliña que “traballamos cun modelo que garante intervencións continuadas e prioriza as necesidades reais de clubs e usuarios para ofrecer espazos deportivos á altura da nosa cidade”.

Venres, 15 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan Dinámico de Intervención impulsou no primeiro semestre deste ano a posta a punto das instalacións deportivas municipais con preto de 289.000 euros

A área de Deportes que dirixe Jorge Bustos investiu no primeiro semestre de 2025 preto de 289.000 euros no marco do Plan Dinámico de Intervención, destinado á mellora e posta a punto das dotacións deportivas municipais. Esta cifra resulta da combinación de actuacións de mantemento (105.298,47 €), adquisición de material deportivo (59.632,19 €) e investimentos en obras de mellora (124.032,74 €), que permiten avanzar nun modelo de xestión planificada e en permanente comunicación cos clubs e entidades usuarias.

O edil Jorge Bustos destacou que “traballamos cun modelo que garante intervencións continuadas e prioriza as necesidades reais de clubs e usuarios para ofrecer espazos deportivos á altura da nosa cidade”. Engadiu que esta estratexia responde tamén á vontade de “recoñecer e apoiar o papel esencial do tecido asociativo, non só na dinamización do deporte, senón na súa función social, na promoción de hábitos saudables e na formación en valores da nosa mocidade”.

Entre as actuacións executadas nos últimos meses, destacan a colocación dunha cuberta metálica no campo número 2 das Gándaras, a renovación do pavimento dunha pista de tenis no Polideportivo do Palomar, a mellora do peche e do pavimento da pista polideportiva da Praza Viana do Castelo ou a instalación de recubrimentos de protección para os elementos de salto nas pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera.

En materia de subministración de material, realizouse a compra de novo equipamento para o Pavillón Municipal, o Estadio Gregorio Pérez Rivera, a Praza Viana do Castelo e a pista polideportiva das Termas, ademais de porterías de fútbol para o campo da Cheda e dunha máquina fabricadora de xeo para o Pavillón Municipal. No ámbito do mantemento, incluíronse reparacións do sistema de quecemento no Pavillón Municipal, reposición de compoñentes ou arranxos urxentes en diferentes espazos, garantindo que as dotacións manteñan condicións óptimas para o seu uso.

Bustos puxo en valor que “o deporte é unha das mellores ferramentas para fortalecer a cohesión social, e por iso a nosa prioridade é asegurar que cada instalación municipal, do elevado número que cedemos gratuitamente aos clubs e entidades, conte co mantemento e melloras que precisa para estar sempre dispoñible en condicións seguras e confortables”.

Audio

  • Jorge Bustos, sobre o Plan Dinámico de Intervención | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas