O paso do tempo reflexado en rostros femininos, fío condutor da nova exposición que estreou esta tarde o MIHL

Carmen Basadre inaugurou a exposición itinerante Omni Tempore, que reúne medio cento de pinturas do artista arxentino afincado en Lugo Juan Pablo Mastroianni

A mostra poderá visitarse ata o 14 de setembro, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde

Mércores, 12 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Xuventude, Turismo e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inaugurou este mércores a nova mostra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), Omni Tempore, do pintor arxentino afincado en Lugo Juan Pablo Mastroianni.
No acto de presentación, Basadre destacou que “o MIHL, sen deixar de ser un museo histórico, estase a converter nun centro de referencia para as artes contemporáneas”. A Concelleira fixo fincapé no feito de que “o mesmo espazo sexa capaz de acoller coa mesma naturalidade mostras de caracter histórico, intervencións artísticas, como a recente Arte con Agri-cultura, Ponme de terre, A Pataca; ou exposicións figurativas como esta que hoxe presentamos, de marcado carácter abstracto”.
A edil insistiu na “importancia que está a acadar no circuíto artístico da cidade este espazo espositivo, que recibiu máis de 300 visitas no pasado mes de xullo, converténdose no 4ª museo do Concello máis visitado”.
Pola súa banda, Mastroianni agradeceu ao Concello a súa disposición por acoller na súa cidade as súas obras, ao tempo que convidou a todos os lucenses a descubrir a alegría, a tristeza ou a nostalxia que representa nas súas pinturas.

Medio cento de pinturas, abertas a diferentes interpretacións

A través da mirada artística de Mastroianni, os visitantes de Omni Tempore poderán observar preto de medio cento de pinturas, abertas a diferentes interpretacións, que reflexan o paso do tempo en rostros femininos figurativos. Entre as obras que se poden ver, realizadas cunha técnica mixta, empregando tintas degradables, lixibias, iodo, goma arábica, témperas ou acrílico, entre outras; destacan El pecado y sus arrepentimientos, un rostro rodeado doutros rostros que ameazan con perdoar ou non o pecado; Tus miedos, única obra na que figura un rostro masculino, ou o collage El juramiento. Nesta mostra itinerante, que chega ao MIHL tras recorrer preto dunha decena de espazos expositivos, tamén se poderán observar paisaxes.

Horarios da exposición

Omni Tempore poderase visitar ata o 14 de setembro, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. O luns permanecerá pechada ao público. A entrada é de balde.

Noticias relacionadas