O Nodus ofrece a empresarios do Ceao unhas xornadas de demostración de videovixilancia e Wi-Max

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 Concello de Lugo ofrecerá mañá, mércores, e o xoves unhas xornadas de demostración tecnolóxica co título Rede Wi-Max e Servizos VoIP na empresa, dirixidas especificamente aos empresarios do Ceao ao amparo do proxecto Parque.

Estas xornadas están organizadas pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Comercio, que dirixe Eva Real, e terán lugar no Centro de Servizos Tecnolóxicos NODUS.

As xornadas comezarán ás nove e media da mañá cunha demostración práctica do funcionamento do sistema de viotelefonía IP, que se porá a disposición das empresas do polígono. En todo momento haberá persoal técnico a disposición dos asistentes para amosar o funcionamento e as vantaxes que a implantación da VoIP suporá para a empresa, empregando o equipamento que se instalará no propio polígono.

Ademais, terán lugar dúas conferencias. A primeira será de catro e media a cinco e cuarto, a cargo de representantes da empresa R Cable. A continuación terá lugar unha demostración para os asistentes ás conferencias.

Ás seis terá lugar a segunda charla sobre Wi-Max e Wi-Fi, ca cargo da empresa Colabora Ingenieros.

No marco do proxecto Parque estanse a levar a cabo unha serie de actuacións para a modernización tecnolóxica do polígono do Ceao que redundarán nunha maior competitividade das empresas lucenses.

Unha das primeiras actuacións que se van poñer en marcha é a implantación no polígono dunha rede sen fíos de banda ancha WI-MAX / Wi-FI.

Na súa virtude, as empresarias e os empresarios poderán conectarse a Internet dende calquera lugar do polígono, coa máxima fiabilidade.

Sobre esta rede implantaremos, ademais, os servizos avanzados de telecomunicacións que ofrece o proxecto Parque e que configuran a Rede Telépole: videotelefonía, videoconferencia, videostreaming, webcasting, etc.

Esta rede contribuirá á creación de contornos de traballo colaborativos en tempo real, entre as empresas de Galicia e Norte de Portugal, e á apertura de novos mercados. Ademais, permitirá reducir de forma drástica os custos de telecomunicación da empresa.

Noticias relacionadas