O martes arranca o curso nas catro escolas infantís municipais coas 238 prazas cubertas

Comeza cunha xuntanza coas familias dos rapaces, atendidos por 45 traballadores, 31 de persoal docente e 8 de cociña

O Concello reivindica á Xunta a creación de novas prazas de gardería na cidade, consciente de que, a pesar do esforzo municipal, segue habendo escaseza

Domingo, 30 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As catro escolas infantís que creou e mantén o Concello de Lugo –Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer- recuperarán o vindeiro martes a súa actividade tras o verán coas 238 prazas dispoñibles cubertas. O curso arranca como é habitual cunha xuntanza coas familias dos nenos e nenas matriculados.

As escolas infantís Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor (en San Fiz) contan cada unha delas con 61 prazas, distribuídas en catro aulas: unha de 0 a 1 anos, con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas para nenos de 2 a 3 anos, con 20 cada unha. No caso da escola María Wonenburger, na Piringalla, dispón de 55 prazas, repartidas nunha aula de 0 a 1 anos con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas de 2 a 3 anos, con 17 prazas cada unha.

Coas listas definitivas de admitidos, a área municipal de Educación sacou un listado de espera de 286 nenos nas catro escolas: 90 de 2 a 3 anos; 184, de 1 a 2 anos; e 12, de 0 a 3 anos.

Novas prazas

Deste xeito, a pesar do esforzo económico que realiza o Concello coa creación e mantemento das catro escolas infantís municipais, aínda non tendo as competencias en educación, queda patente a necesidade de prazas para menores de 3 anos. De feito, nas dúas únicas escolas infantís de titularidade autonómica que funcionan na cidade, as de Paradai e A Milagrosa-, que teñen 290 prazas, hai 274 nenos e nenas en lista de espera.

Deste xeito, tal e como a propia Alcaldesa, Lara Méndez, llo trasladou ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa xuntanza de primeiros de agosto, o Concello reitera a necesidade de que o Goberno galego cree novas garderías públicas e centros de educación infantil en Lugo.

As escolas infantís do Concello contan con 45 traballadores, 31 de persoal docente (27 educadores e catro directores) e 8 de cociña (dous para cada centro). O horario é de 8.00 a 20.00 horas.

Noticias relacionadas