O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil

Lara Méndez copresidiu esta mañá, xunto a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o acto institucional de imposición da medalla no que se enxalzou a traxectoria profesional e a valía do Xefe do Corpo lucense.

“Unha carreira profesional desempeñada con total entrega, dedicación e espírito de sacrificio”, valorou a rexedora.

Martes, 26 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil

O Intendente da Policía Local, Jesús Piñeiro, foi condecorado, esta mañá coa Cruz de la Orden del Mérito Civil nun acto institucional, copresidido pola alcaldesa, Lara Méndez e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ao que asistiron ademais de familiares do galardoado, representantes de todos os grupos da Corporación municipal.

Un recoñecemento - cuxa proposta partiu da Alcaldía e foi secundada pola uninamidade do Pleno - que se corresponde co compromiso amosado polo Inspector Xefe do Corpo Local no exercicio das súas funcións e que evidencia a relevancia e exemplaridade do servizo que presta.

A propia rexedora referiu ao comezo da súa intervención que “dende o seu ingreso no Corpo, en 1981, como Policía, Jesús Piñeiro destacou na súa traxectoria profesional, ascendendo a Cabo (Oficial) en 1984 e a Inspector en 1990, ocupando nestes momentos a praza de Intendente da que tomou posesión – en prácticas – o pasado 4 de abril”.

Méndez realizou un sucinto repaso á traxectoria de Jesús Piñeiro durante a cal exerceu como Policía integrante de vehículos radiopatrullas dedicados á atención de chamadas e requirimentos urxentes da veciñanza e desempeñou tarefas de auxilio humanitario e apoio a vítimas, intervención en accidentes, operativos de tráfico e seguridade vial, etc., sendo asignado en 1985 ao Grupo Especial de Motos da Unidade de Tráfico.

No ano 1986 foi asignado á Unidade Especial de Seguridade Nocturna, onde prestou servizo durante 16 anos levando a cabo numerosos operativos enfocados á mellora da seguridade e convivencia cidadá, e, xa en 2003, se integrou na Unidade Territorial de Policía de Barrio como Xefe dun dos dous Grupos Operativos da mesma.

“Catro décadas nas que desempeñou un gran labor – sinalou a alcaldesa - con enorme profesionalidade, orientado á mellora da convivencia cidadá, así como á consecución dunha maior integración do Corpo da Policía Local de Lugo no tecido social, laboral e económico do municipio, tendo sempre como unha das súas prioridades o desenvolvemento, a implantación e o funcionamento da Policía Local de Lugo como unha verdadeira policía de proximidade en permanente contacto coa cidadanía para dar resposta aos diferentes tipos de problemas que afectan á sociedade”, afirmou Lara Méndez.

“Quero subliñar que desde o seu posto na Unidade Territorial de Policía de Barrio, e especialmente desde o ano 2019, en que foi nomeado Xefe do Corpo da Policía, Jesús Piñeiro deu un gran impulso ás funcións de colaboración, coordinación e cooperación coas demais Forzas e Corpos de Seguridade, tanto en materia de seguridade cidadá, como de tráfico e seguridade vial, promovendo operativos e servizos conxuntos e coordinados, a prol de mellorar os niveis de seguridade da cidade de Lugo. Unha carreira profesional que o actual Intendente do Corpo desempeña con total entrega, dedicación e espírito de sacrificio, participando en numerosas intervencións policiais, detencións de delincuentes perigosos, desarticulación de bandas organizadas para a comisión de actos delitivos, salvamento de persoas, etc., que o fan merecedor deste recoñecemento”, engadiu a rexedora.

A alcaldesa lucense fixo mención especial ao traballo desenvolvido por Jesús Piñeiro ao fronte do Corpo da Policía Local durante o estado de alarma decretado pola COVID – 19.

“Foi esta unha situación en que, por primeira vez, os Corpos da Policía Local quedaban baixo as ordes directas do Ministerio do Interior, séndolles asignadas unhas funcións de vital importancia no reto de superar a crise sanitaria, entre outras as de dar apoio ás autoridades e ás disposicións que estas adoptasen para o aseguramento do subministro de bens e servizos necesarios para a protección da saúde pública ou dar apoio aos operadores de servizos esenciais, etc”.

“Un período no que a Policía Local de Lugo, contando coa eficaz, continua e permanente disposición do Inspector, hoxe Intendente, Jesús Piñeiro Santos, realizou, de forma incansable e con total entrega, un extraordinario esforzo e un traballo impecable, levando a cabo múltiples accións para asegurar o cumprimento da normativa estatal, contribuíndo, en gran medida, á contención do virus na poboación, poñendo en moitos casos a súa integridade física en risco polas intervencións de perigo que levaron a cabo, prestando auxilio e axuda humanitaria á poboación con decisión, valentía, profesionalidade, más aló incluso do cumprimento do seu deber”, enxalzou Méndez.

Antes de rematar a rexedora quixo lembrar, así mesmo, que como resultado das súas numerosas intervencións e servizos Jesús Piñeiro recibiu durante a súa carreira profesional diversas felicitacións das autoridades e órganos competentes do Concello de Lugo e a medalla de permanencia da Xunta de Galicia e a cruz de ouro, prata e encomenda ao servizo policial. Ademais o seu labor en prol da cidadanía foi recoñecido ao ser distinguido pola Asociación de Veciños, comerciantes e industriais de Lugo como ‘Milagrosista do ano’ e pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo ‘Lucus Augusti’ como ‘Veciño exemplar’.

“Condecoracións que nos orgullecen a todas e todos e ás que hoxe se suma esta Medalla ao Mérito Civil que, sen dúbida, seguro non será a última e que reflicten a valía e o compromiso de Jesús Piñeiro co servizo público”, concluíu Lara Méndez.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, felicitou a Jesús Piñeiro, pola Cruz da Orde do Mérito Civil, que lle concedeu o Ministerio de Asuntos Exteriores, que se engade a outras condecoracións que lle concedeu o Goberno, como a Cruz do Mérito da Garda Civil que recibiu no acto do día do Pilar.

Isabel Rodríguez destacou o compromiso coa cidadanía de Piñeiro que exemplificou no labor desenvolvido durante a pandemia.

“Eu tiven a oportunidade de vivir estreitamente estes tempos difíciles cos mandos de todos os corpos de seguridade da provincia e nunca esquecerei nin agradecerei dabondo a súa leal colaboración e toda a axuda profesional que nos brindou para ir facéndolle fronte, entre todos, aos distintos retos que, día tras día, ían aparecendo. A dedicación e a profesionalidade de persoas como Piñeiro e o resto de mandos da Policía Nacional a Garda Civil e a Policía Autonómica cos que tiven a sorte de traballar neses meses tan duros, xunto cos profesionais da saúde e do resto de servizos esenciais foron decisivos para garantir e preservar a saúde dos lucenses”, asegurou a subdelegada do Goberno.

Rodríguez deulle a noraboa á alcaldesa, Lara Méndez, e aos cidadáns de Lugo, por contar cun profesional como Jesús Piñeiro ao mando da Policía Local de Lugo.

Durante o acto, que foi moi emotivo, o Intendente da Policía Local dirixiuse á Alcaldesa para trasladarlle o seu agradecemento polo esforzo que realizou estes anos para incrementar o número de efectivos e mellorar as dotacións a disposición do Corpo. Tivo tamén palabras de gratitude para o resto da Corporación e autoridades e quixo amosar o seu recoñecemento ao traballo realizado polos seus compañeiros e compañeiras e, especialmente, á súa familia, presente na cerimonia.

Audios

  • O inspector, José Río, sobre a Cruz de la Orden del Mérito Civil a Jesús Piñeiro | Descargar mp3
  • A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, sobre a Cruz de la Orden del Mérito Civil a Jesús Piñeiro | Descargar mp3
  • O intendente, Jesús Piñeiro Santos, sobre a Cruz de la Orden del Mérito Civil a Jesús Piñeiro | Descargar mp3

Multimedia

  • O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil
  • O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil
  • O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil
  • O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil
  • O Intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro recibe de mans da alcaldesa a Cruz de la Orden del Mérito Civil

Noticias relacionadas