O I Salón do Cabalo en Familia propón unha oferta lúdica e pedagóxica para as vindeiras fins de semana en Lugo

Lara Méndez, Pilar García Porto, Rubén López e Ana Lago presentaron este evento que se enmarca dentro de Equigal, co que colabora o Concello

Mércores, 25 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O I Salón do Cabalo en Familia propón unha oferta lúdica e pedagóxica para as vindeiras fins de semana en Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o Xerente do Pazo de Feiras, Congresos e Exposicións, Rubén López e a Co-Directora de Equigal, Ana Lago, presentaron este mércores o I Salón do Cabalo en Familia, enmarcado dentro do Salón do Cabalo Equigal, que se celebra do 27 ao 29 de maio e do 3 ao 5 de xuño no Pazo de Feiras.

Durante o acto de presentación, a rexedora felicitou aos organizadores por abrir esta nova vertente do Salón Internacional do Cabalo de Galicia Equigal, “que deixa de ser só un espazo para os amantes dos cabalos e dos profesionais do sector, para adquirir un valor engadido moi importante como unha nova alternativa de lecer dirixida a un público familiar, grazas á que nenos e maiores poderán gozar xuntos de actividaes lúdicas pero tamén pedagóxicas e formativas”.

“Esta nova proposta demostra o dinamismo e inquietude permanente dos organizadores do salón do Cabalo”, subliñou Méndez, quen fixo fincpaé no éxito de Equigal, a feira deste tipo máis importante de Galicia e a sexta de España”; á que lle augurou máis dos 8.000 visitantes de edicións anteriores.

Ademais, esta cita reforza a amplísima oferta lúdica que acollerá esta fin de semana a cidade, como o Xirakarting, a Feira de San Isidro da Milagrosa e a Feira de Produtos Ecolóxicos Certificados, así como andainas guiadas e actuacións musicais, “o que suporá un factor máis de dinamización da cidade, motivo polo que no Concello decidimos apostar por esta iniciativa, dentro do noso compromiso por converter o turismo e a cultura como modelo económico da cidade”, concluíu a rexedora.

Pola súa banda, Ana Lago mostrouse orgullosa de poder realizar este salón familiar en Lugo, ao tempo que deu a coñecer as actividades que conforman a súa programación.

Rubén López incidiu na aportación deste evento para o crecemento exponencial do Salón do Cabalo e chamou á sociedade a visitar Equigal, co que colabora o Concello e a Deputación, “a quen lle agradeceu o continuo apoio non só con este Salón senón co espazo de feiras”.

Pilar García Porto puxo de manifesto a importancia desta cita, polo seu volume de negocio e polas súas visitas, que ademais de potenciar un sector estratéxico para a provincia ten unha parte familiar e unha parte solidaria. Tamén incidiu na interactuación das institucións con empresas privadas para sacar adiante tanto esta cita como outras que se levan a cabo pola provincia.

Lecer, cultura e concienciación social

O I Salón do Cabalo en Familia trátase dunha cita dedicada ao lecer, cultura e concienciación social. Inclúe talleres de galletas, stand de Xirakarting, BebeGadis, obradoiros de pintura e bautismos ecuestres para os máis pequenos. Tamén ofrece a opotunidade de participar en familia en charlas para entender as reaccións dos cans e a importanica de non abandonalos, talleres para aprender habilidades ou resolver dúbidas sobre comportamentos caninos a todos aqueles que se acheguen coa súa mascota e mesmo apuntarse con elas a un concurso.

Este evento conta coa presenza de entidades sociais, como a Asociación Galega de Transplantes de Médula Ósea, a Asociación Universal Camiño a Santiago, ou a exposición da obra cedida polo pintor irlandés Declan Saulkner e o fotógrafo Carlos Caraglia, destinada a recadar fondos para a ONG Mitrata Nepal. Equigal doará a recadación íntegra do evento á Fundación de Dano Cerebral (FUDACE).

Ofrecerá así mesmo un espazo interactivo, con actuacións, charlas e talleres, no que as entidades e asociacións de Lugo interesadas poden mostrar o seu traballo aos miles de visitantes do Salón.

Noticias relacionadas