O Goberno propón á Xunta crear nos locais comerciais da Tinería un viveiro de empresas xestionado polo CEI-NODUS

A Alcaldesa anunciou a iniciativa, que, mantendo a titularidade pública dos inmobles, permite “impulsar de maneira controlada e eficaz a dinamización socioeconómica do barrio por medio dunha economía sostible e de valor engadido que faría atractiva a zona”

Os criterios de adxudicación dos locais plantexados polo Concello favorecen as iniciativas empresariais de carácter colaborativo, dinamizador e social que realcen a Tinería como lugar de residencia

"A finalidade non é xerar unha actividade económica, que tamén, senón que a finalidade en si mesma é a dinamización dun barrio emblemático, que queremos que volva ser un barrio con pleno esplendor como no século XIX", asegurou Méndez

Mércores, 22 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno propón á Xunta crear nos locais comerciais da Tinería un viveiro de empresas xestionado polo CEI-NODUS

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores que propoñerá á Xunta de Galicia crear nos 11 locais comerciais de titularidade autonómica que se encontran libres na Tinería un viveiro de empresas xestionado polo CEI-Nodus, o Centro de Empresas e Innovación do Concello, polo que, ao longo da súa traxectoria de 13 anos, pasaron un cento de empresas cunha porcentaxe de supervivencia do 80%. Fíxoo no propio barrio, en Porta Miñá, pois "o Concello ten un obxectivo claro coa Tinería, que é o de dinamizala, polo barrio en si, polo senlleiro da zona, pola súa historia, e porque temos que promover todo o casco histórico"; acompañada da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o Voceiro Municipal, Miguel Fernández.

Fronte ás “moitas dúbidas sobre a eficacia” en canto á dinamización real do barrio que xera a venda mediante poxa destes locais anunciada pola Administración autonómica hai preto de dous meses, pois os inmobles rehabilitados con fondos públicos acabarían en mans privadas, sen control sobre o destino da adxudicación ou seu uso, sen garantías de que non se produza unha especulación, ou porque pode supoñer unha perda do investimento realizado por todos os galegos e galegas; o Goberno de Lara Méndez dá un paso á fronte e plantexa a creación dun viveiro de empresas, que “si permitiría impulsar de maneira controlada e eficaz” a dinamización social e económica da Tinería a través “dunha economía sostible e de valor engadido”, ademais de seguir fomentando “a diversificación e innovación do tecido empresarial lucense”.

Así mesmo, a iniciativa supón que os inmobles rehabilitados con fondos públicos quedan en mans públicas con garantía de continuidade e que se revalorice o investimento público da Xunta, pois, máis alá da venda directa dos locais, como mera actividade inmobiliaria, “dinamizarase o entorno do barrio, as súas rúas”, xa que os criterios de adxudicación dos locais deste novo viveiro empresarial serían selectivos en canto ás actividades a desenvolver, “desbotando aquelas sen valor social para a dinamización do entorno e favorecendo as de carácter colaborativo, dinamizador e social que realcen o espazo como lugar de residencia”, subliñou a Alcaldesa.

Para materializar esta iniciativa, o Concello precisa usar os locais comerciais da Tinería que agora son da Xunta, ben por adxudicación directa, ben mediante un convenio de cesión. É dicir, o Concello aumentaría os espazos para desenvolver a política pública do CEI Nodus.

Engadir ao CEI-Nodus os locais comerciais da Tinería permitiría ao Concello “abrir espazos para o emprendemento de locais que actualmente non temos no CEI”, explicou Lara Méndez, e tamén “implementar a trazabilidade dos proxectos empresariais, non só participando na súa xestación, senón tamén na súa materialización, o que, como dicía, garantiría a dinamización socioeconómica real do barrio”.

"A finalidade non é xerar unha actividade económica, que tamén, senón que a finalidade en si mesma é a dinamización dun barrio emblemático, que queremos que volva ser un barrio con pleno esplendor como no século XIX", concluíu a rexedora. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre os locais comerciais da Tinería | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno propón á Xunta crear nos locais comerciais da Tinería un viveiro de empresas xestionado polo CEI-NODUS

Noticias relacionadas