O Goberno local amplía ata mediados de outubro o prazo para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico

A veciñanza aínda pode presentar as súas solicitudes para a fase XVII deste Plan de Rehabilitación, dotado con 850.986 euros de fondos públicos.

O obxectivo deste programa europeo é acadar unha reducción do consumo de enerxía en medio cento de inmobles con rebaixas de entre un 30 e un 60 por cento.

En resposta á petición de propietarios interesados decidiuse incrementar o período para optar a estas subvencións, tal e como establece a normativa.

Mércores, 04 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local amplía ata mediados de outubro o prazo para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico

O Goberno local vén de ampliar ata mediados de outubro o prazo para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no centro histórico, previstas na convocatoria da fase XVII do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, dotado con 850.986 euros de fondos públicos. Este programa europeo busca lograr unha reducción do consumo de enerxía en medio cento de edificios con rebaixas de entre un 30 e un 60 por cento, un obxectivo clave na “rexeneración de inmobles da zona histórica de Lugo, e que encaixa á perfección coa recuperación urbanística, residencial, patrimonial e comercial que estamos a efectuar no centro da cidade”, sinalou a alcaldesa Paula Alvarellos. A ampliación do prazo responde ás peticións que fixeron persoas interesadas en concorrer a esta convocatoria. De feito, o Goberno local está a preparar unha xornada informativa que se celebrará nos próximos días. 

A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) é a encargada de xestionar estas axudas coas que se busca impulsar a rexeneración de vivendas, situadas no recinto amurallado e na súa zona de influencia, área coincidente coa delimitada polo PEPRI. Con estes fondos públicos se estima que 35 inmobles reducirán entre o 30% e o 45% o seu consumo de enerxía primaria non renovable, mentres que 12 acadarán unha diminución entre o 45% e o 60%. Por último, outras 10 vivendas minorarán o seu consumo enerxético nunha porcentaxe superior ao 60%.

Para a alcaldesa de Lugo este tipo de convocatorias proban o avance no proceso de dinamización do municipio co obxectivo claro de rexenerar o noso parque inmobiliario. De feito, sinala ao respecto que “desde a súa posta en marcha, estas axudas contribuíron a impulsar a reforma de 636 vivendas, o que demostra a aposta decidida do noso Executivo pola mellora da nosa cidade”.

As obras que poden optar a este tipo de axudas serán todas aquelas intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles ou a adopción de sistemas de aforro da enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Así, contémplanse as obras na envolvente edificatoria nos inmobles de tipoloxía residencial colectiva. Tamén poden solicitar esta subvención quen teñan realizado as obras nos últimos catros anos, sempre e cando cumpran os requisitos das axudas, cuxas bases poden consultarse na convocatoria, do BOP de Lugo do pasado 10 de xullo.

A avaliación das solicitudes dependerá, por unha banda, do tipo de obra e intervención a realizar no inmoble, con máis puntuación canto maior sexa o aforro enerxético a conseguir, e por outra, da catalogación do edificio dentro do PEPRI. Ademais, se terá en conta á hora de puntuar o número de vivendas de cada inmoble.

Toda a información relativa a esta convocatoria pode atoparse na seguinte ligazón: https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2024/07/anuncio_web_bases_completo_fase_17_casco_hco-comprimido.pdf ao tempo que se mantén aberta unha canle de comunicación directa coa cidadanía interesada en tramitar estas axudas para resolver calquera dúbida e realizar as aclaracións necesarias ben de maneira presencial, nas dependencias de Evislusa, ben a través do teléfono 982.29.74.90 ou do enderezo electrónico: tecnicosevislusa@lugo.gal

Multimedia

  • O Goberno local amplía ata mediados de outubro o prazo para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico

Noticias relacionadas