O Goberno de Lara Méndez traballa nos dispositivos para facilitar a instalación das barracas con todas as medidas de seguridade

A alcaldesa sostén que “faremos todo o posible para ofrecer aos barraquistas unha solución que lles permita traballar, buscando o equilibrio entre o económico e o sanitario”.

“As barracas son un gran atractivo para que a xente saia ás rúas e consuma nos establecementos e, polo tanto, benefician á hostalería e ao comercio”, apuntou.

Luns, 27 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez traballa nos dispositivos para facilitar a instalación das barracas con todas as medidas de seguridade

O Goberno de Lara Méndez traballa nas alternativas para facilitar a instalación das barracas durante as festas do San Froilán con todas as medidas de seguridade e atendendo ás indicacións que establece o protocolo sanitario publicado pola Xunta de Galicia. Así o avanzou este luns a alcaldesa, trala reunión da Xunta Local de Seguridade con motivo das patronais, que copresidiu xunto coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.

Lara Méndez explicou que “estamos traballando, co marxe temporal co que contamos, nos dispositivos técnicos necesarios para a instalación das barracas e a ampliación de espazos para a súa ubicación para garantir todas as medidas de seguridade, ademais dun plan de tráfico específico”.  Estes temas abordáronse na Xunta Local de Seguridade, onde estiveron presentes, ademais da concelleira de Cultura, responsables de todas as forzas de seguridade (policías locais, nacional e autonómica e Guardia Civil) e de Protección da Comunidade (Bomberos e Protección Civil).

Deste xeito, a rexedora avanzou que “faremos todo o posible para que o San Froilán, as festas patronais de Lugo, sexan un revulsivo para a economía local, o que resulta fundamental para manter postos de traballo e evitar o peche de negocios”. “O máis importante é a saúde das persoas, isto está por riba de todo, pero debemos buscar tamén o equilibrio económico, o feito de que se poidan instalar as barracas afecta de maneira moi importante a nosa economía, especialmente ao sector servizos: hostalería, restauración, comercio... posto que se trata dun gran atractivo para que a xente saia ás rúas e consuma nos establecementos da cidade”, subliñou a alcaldesa.

A rexedora incidiu en todo o esforzo que o Goberno local está a desenvolver para o mantemento e xeración de emprego. “Levamos investidos 20 millóns de euros nesta pandemia co obxecto de manter abertos os establecementos e axudar ás pequenas empresas, aos autónomos e as economías dos barrios, pero tamén para diversificar o noso tecido produtivo, intentando atraer empresas que cren postos de traballo que se sosteñan no tempo”.

Pola súa parte, Isabel Rodríguez anunciou que as forzas de seguridade do Estado colaborarán estreitamente cos medios e servizos do Concello para que as actividades previstas con motivo do San Froilán se desenvolvan coas máximas garantías tendo en conta as restricións que determinen as autoridades sanitarias.

A subdelegada lembrou que este ano a celebración do San Froilán coincidirá co levantamento dalgunhas das restricións establecidas polas autoridades sanitarias de Galicia. En todo caso, Rodríguez fixo un chamamento a cidadáns e hostaleiros para que non deixen de cumprir coas medidas de protección que se manteñan vixentes durante as datas das festas, como poden ser as referidas ao uso da máscara ou o respecto de aforos e distancias de seguridade.

Ademais de pedirlle á cidadanía que siga actuando coa mesma responsabilidade da que fixeron gala os lucenses durante o último ano e medio, a subdelegada aproveitou para poñer de manifesto e agradecer o gran esforzo realizado durante todos estes meses polas forzas de seguridade, que traballaron coordinadamente para protexer a saúde dos lucenses.

Noticias relacionadas