O Goberno de Lara Méndez pon en valor a riqueza patrimonial e o Camiño Primitivo a través dun ciclo de concertos nas súas igrexas

A primeira das actuacións terá lugar este venres, 15 de xullo, ás 21 horas, na capela do Carme.

O evento desenvolverase en templos situados nesta vía de peregrinaxe: Capela do Carme, San Miguel de Bacurín, San Vicente do Burgo, San Martiño de Poutomillos e na Catedral de Santa María.

Xoves, 14 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez pon en valor a riqueza patrimonial e o Camiño Primitivo a través dun ciclo de concertos nas súas igrexas

O Goberno de Lara Méndez, colabora coa Diocese de Lugo, no ciclo de concertos denominado ‘Música no Camiño Primitivo’, co propósito de “aproximar todo o noso talento e o patrimonio cultural, histórico e arquitectónico que posuímos para poñer en valor ao rural e ás parroquias que o integran, aproveitando o discorrer nelas do Camiño Primitivo”, apuntou a rexedora.

A alcaldesa de Lugo, explicou que “dende o Concello apostamos por iniciativas implicadas no fomento da cultura e das artes, e este proxecto enmárcase, precisamente, nese contexto” ao tempo que recordou a posta en marcha dos Premios Connexio, tamén en colaboración co Bispado, a través dos que se realizaron intervencións artísticas en seis igrexas situadas neste mesmo itinerario do Camiño, ao seu paso por diferentes localizacións do termo municipal nas que se compaxinou a fusión da arte sacra e contemporánea.

A organización do ciclo correu a cargo do músico e organista Giulio Mercati, responsable dos eventos de música sacra da Diocese. O primeiro dos concertos terá lugar este venres, 15 de xullo, ás 21 horas, na capela do Carme. Nel actuarán o grupo vocal Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez Jácome; Giuseppe Nova, frauta; e Giulio Mercati, órgano positivo.

Os demais concertos serán:

  • Mércores 20 de xullo,ás 20.30 horas,na igrexa parroquial de San Miguel de Bacurín.
  • Mércores 27 de xullo, ás 21.00 horas, na igrexa parroquial de San Vicente do Burgo.
  • Mércores 3 de agosto, ás 21.00 horas, na igrexa parroquial de San Martiño de Poutomillos.
  • Mércores 10 de agosto, ás 21.00 horas na Catedral de Santa María.

Lara Méndez convidou á cidadanía a asistir a estas cinco citas “nas que a música e o patrimonio local servirán para revalorizar e dinamizar o rural, alén de constituírse como un escenario único e privilexiado para gozar da nosa cultura”, concluíu a alcaldesa.

Noticias relacionadas