O Goberno de Lara Méndez organiza actividades deportivas gratuítas para a mocidade lucense durante os meses de verán

A programación, que irá do 11 de xullo ao 3 de setembro, inclúe clases de iniciaciación ao piragüismo, ao kaiak polo e barco dragón, rutas en kaiak, paddle sup e acrosport.

O prazo de inscricións abrirá este luns a través de http://formulario.xuventudelugo.gal/ Haberá 1.032 prazas que se asignarán por rigorosa orde de chegada das solicitudes.

Sábado, 02 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez organiza actividades deportivas gratuítas para a mocidade lucense durante os meses de verán

O Goberno de Lara Méndez organizará este verán actividades deportivas totalmente de balde para a mocidade lucense. Así o avanzou o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, quen subliñou que “serán actividades acuáticas no río Miño e tamén de rúa, en diferentes prazas da cidade, co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre os veciños e veciñas da cidade e promover a práctica deportiva”.

Deste xeito, as actividades, que darán comezo o 11 de xullo e estenderanse ata o 3 de setembro, inclúen: clases de iniciación ao piragüismo, iniciación ao kaiak polo, rutas en kaiak, paddle sup, barco dragón e acrosport, un deporte que combina acrobacia e coreografía. “Estarán impartidas por monitores titulados e irán destinadas para idades a partir de 5 anos”, explicou Repetto.

En concreto, as actividades actuáticas correrán a cargo do Club de Piragüismo Cidade de Lugo e partirán da escola, situada baixo a ponte nova do río Miño, disporán, así mesmo, de vestiarios e baños axeitados. Para poder participar nelas será imprescindible ter coñecementos de natación. Mentres que a actividade de acrosport será impartida pola escola de danza Gravity, os días 13 e 20 de xullo en dúas prazas da cidade.

O edil informou que o plazo de inscricións abrirá este luns, 4 de xullo, e as prazas asignaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes, que se poderán realizar a través do seguinte enlace: http://formulario.xuventudelugo.gal/ En total, haberá máis de 1.000 prazas dispoñibles para o conxunto das actividades distribuídas do seguinte modo: iniciación ao piragüismo (160 prazas); iniciación ao kaiak polo (160 prazas); paddle sup (224 prazas); rutas en kaiak (128 prazas); barco dragón (320 prazas); acrosport (40 prazas).

Descrición das actividades

Dragon Boat

O Dragon Boat é unha modalidade do piragüismo, de orixe chino e de máis de 2000 anos de antigüidade. Practícase en equipo, conformado por 10 ou 20 padexeiros, máis un timonel que dirixe o barco e un tambor, que marca o ritmo de padexo. Un aspecto moi destacado desta modalidade é que non é necesaria experiencia previa, cunhas nocións básicas de seguridade e de técnica son suficientes para a súa práctica, o que abre un abanico de posibilidades moi amplo en canto á súa práctica.

Paddle Sup

O paddle sup é un xeito de desprazamento sobre a superficie da auga, empregando para elo unha táboa sobre a que o deportista permanece de pé, e utilizando unha pa como medio de impulsión. É un deporte acuático que ganou moita popularidade nos últimos anos, podendo prácticarse en calquera sitio onde se dispoña dunha lámina de auga e a calquera idade. A actividade consistirá nunha toma de contacto co sup race, familiarizándose co material a empregar (táboa, pa, chaleco, etc.) e as medidas de seguridade que se deben respectar.

Rutas en kaiak

Esta actividade consistirá na realización de varias rutas, previamente establecidas, en kaiak autovaciables, sempre baixo a supervisión e dirección dun monitor. Para esta actividade planifícanse tres rutas diferentes no Miño no entorno de Lugo:

  • Ruta no entorno da Escola de Piragüismo de Lugo, entre a área recreativa dos Robles e o Caneiro do Rei Chiquito, esta ruta é a de menos dificultade e a duración prevista da mesma e de 1,5 – 2 horas.
  • Ruta entre a traída das augas e o caneiro do Pepito, esta ruta, plantexa algo máis de dificultade ca anterior, tanto polas características do río neste tramo como pola súa duración, que se estima en 2 – 2,5 horas.
  • Ruta entre o caneiro de Santa Isabel e o caneiro do Piago, esta ruta é a que máis dificultade plantexa, o percorrido é máis longo cas anteriores, sendo a duración estimada de 3 horas.

Iniciación ao kaiak polo

O kaiak polo é un deporte acuático que se practica en equipo (de 5 deportistas), consiste en introducir unha pelota nunha portería elevada que se sitúa nun campo acotado, para elo os deportistas desprázanse nun kaiak, a pelota pode manipularse empregando a pa ou as mans. É un deporte cuncha ampla implantación, que conta con ligas a nivel nacional e autonómico, aparte de competicións tamén de ámbito internacional.

Iniciación ao piragüismo

Por medio desta actividade preténdese dar a coñecer á poboación un deporte con tanto arraigo en Lugo como o piragüismo, e que tantos éxitos trouxo, tanto á cidade coma a Galicia, na forma de medallas olímpicas, mundiais, europeas, etc. Esta é unha modalidade na que o aprendizaxe ten que ser progresivo, por elo a iniciación realízase en kaiaks de promoción, moito máis estables que os de competición, para que os participantes collan confianza e poidan evolucionar cara embarcación máis rápidas.

Acrosport

O acrosport é un deporte que combina acrobacia e coreografía. Trátase dunha modalidade deportiva incluída na Federación Internacional de Deportes Acrobáticos e forma parte da Federación Internacional de Ximnasia desde 1999. No acrosport existen tres elementos fundamentais: formación de figuras ou pirámides corporais; acrobacias e elementos de forza, flexibilidade e equilibrios como transicións entre as figuras; e, finalmente, elementos de danza, saltos e piruetas ximnásticas.

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez organiza actividades deportivas gratuítas para a mocidade lucense durante os meses de verán

Noticias relacionadas