O goberno de Lara Méndez amplía a oferta deportiva municipal destinando 275.000 euros á construción dun Skate Park

A instalación, de case 900 m², estará ubicada xunto ao equipamento do Centro Comercial as Termas

Trátase dunha instalación moi completa para a práctica do skateboarding: street e park, incluíndo liñas de patinaxe para debutantes e expertos

Este xoves a Xunta de Goberno Local aprobará a apertura do procedemento de contratación

Martes, 23 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez amplía a oferta deportiva municipal destinando 275.000 euros á construción dun Skate Park

O goberno de Lara Méndez, a través da área de Deportes, destinará 274.249 euros á creación dun Skate Park na cidade.

A pista, de 887 m², estará localizada na zona pública existente ao carón do centro comercial As Termas, entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo.

Miguel Fernández explica que “se trata dunha instalación moi completa que servirá para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre ambas zonas que lle aportará gran flexibilidade e que completarán a polivalencia da contorna na que xa se atopan canchas da baloncesto e fútbol así como varios parques infantís”.

O concelleiro avanzou algúns dos aspectos técnicos deste novo Skate Park como, por exemplo, que a bañeira ocupará un espazo de 200 m² dentro do coping, no centro da instalación, e que o seu perímetro disporá tanto de liñas rectas como curvas de distinto radio. Ademais crearanse dous hips, un suave e curvo e outro en ángulo e un spine cara o exterior.

En canto á parte Street, estes elementos estarán dispostos rodeando á bañeira e ocupando as zonas perimetrais da pista. “Aproveitaranse tamén as esquinas para construír algúns tipo quarter, que alén de para facer trucos, serven de lanzamento cara outros máis centrados”, indicou Fernández.

O edil de Deportes referiu igualmente que os acabados das arestas nos bordos dos encontros entre os distintos planos serán ou con coping metálico ou realizados con formigón de forma natural o que ofrecerá ás e aos patinadores, sensacións diferentes segundo o material do que se trate.

“Aínda que os elementos que o constitúen son diferentes por deseño, todos se integran nun recinto único e completo, que permite aproveitalo no seu conxunto, con liñas de patinaxe para todos os gustos e apto tanto para debutantes como para usuarias e usuarios expertos”, destacou Miguel Fernández ao tempo que trasladou que este novo equipamento municipal estará rodeado por camiños pavimentados peonís e disporá, preto dos accesos, de aparcabicis.

“Trátase dunha aposta decidida deste executivo por diversificar a oferta deportiva local, incrementando o número de dotacións públicas ao servizo da cidadanía pero tamén o actractivo do noso concello”, concluíu o concelleiro que avanzou que este xoves, a Xunta de Goberno Local autorizará a apertura do procedemento de contratación e que, unha vez adxudicada a obra, o prazo de execución será de 16 semanas.

Audio

  • O edil de Deportes, Miguel Fernández, sobre o Skate Park | Descargar mp3

Noticias relacionadas