O Goberno de Lara Méndez adxudica as obras de renovación eléctrica do Pavillón Municipal coas que se incrementará a súa eficiencia

A actuación, enmarcada na estratexia DUSI Muramiñae, suporá un investimento municipal de 135.513 euros e contará cun prazo de execución de dous meses.

Os traballos contemplan a substitución das luminarias actuais por outras de tipo led, o que suporá un importante aforro no consumo.

Mércores, 26 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez adxudica as obras de renovación eléctrica do Pavillón Municipal coas que se incrementará a súa eficiencia

O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores a adxudicación das obras de renovación eléctrica do Pavillón Municipal dos Deportes, co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética. A actuación suporá un investimento de 135.513 euros e a empresa encargada de realizar os traballos será Hallman Energie SL, que disporá dun prazo máximo de dous meses para executalos.

“Queremos seguir avanzando no noso modelo de cidade e iso implica apostar por actuacións que supoñan un aforro enerxético e de emisións contaminantes, como as que se levarán a cabo nestas instalacións deportivas”, lembrou Méndez.

Estas obras, ao igual que as que se levaron a cabo no Pombal (onde os proxectores existentes foron substituídos por outros novos de tipo led), enmárcanse na estratexia DUSI Muramiñae, dentro do obxectivo temático 4, que busca favorecer a transición cara unha economía baixa en carbono.

Precisamente, co fin de mellorar a eficiencia da iluminación do pavillón da rúa Santiago, que actualmente está constituído na súa maioría por lámpadas obsoletas e de elevado consumo enerxético, proponse a substitución das mesmas por outras de tecnoloxía led, adecuadas a cada espazo iluminado.

Correxirase, así mesmo, o ángulo exposto da iluminación, pois a existente crea sombras, de forma que se recolocarán, alén, os proxectores de pista co fin de conseguir unha cobertura homoxénea. Respectaranse, por outra banda, as liñas de aceso e os xogos de luz que permiten realizar as luminarias actuais ao tempo que se substituirá toda a iluminación exterior por lámpadas de tecnoloxía led, incluíndo as letras corpóreas da fachada do edificio.

Obras de iluminación Parque Rosalía

A rexedora lembrou que, “en consonancia coas liñas estratéxicas que perseguimos con este tipo de actuacións, temos anunciado tamén unha intervención similar no Parque de Rosalía e Costas do Parque para mellorar a iluminación con criterios de eficiencia enerxética, igualmente dentro da estratexia DUSI”. Deste xeito, co fin de avanzar na conservación e coidado deste espazo, desenvolverase próximamente a renovación e adecuación da instalación existente, incluíndo luminarias, canalizacións, centros de mando e demais compoñentes, co fin de incrementar a eficiencia enerxética da iluminación pública nos espazos que dan servizo á pista de patinaxe, á caseta de xardinería, ao mapa, ao estanque e tamén nas propias Costas do Parque, entre outras localizacións.

Méndez lembrou que outro dos obxectivos que persegue este proxecto é poñer en valor emprazamentos singulares do Parque, considerado unha contorna de protección patrimonial, de xeito que conviden ao uso cidadán do espazo público e revertan directamente nunha maior seguridade dende a perspectiva de xénero, xa que se colocarán tamén novos puntos de reforzo para evitar zonas consideradas escuras.

Noticias relacionadas