O Goberno aproba a creación dun Consello Municipal de Turismo, que desenvolverá iniciativas e liñas estratéxicas para potenciar este sector

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua elaborará o regulamento de creación e funcionamento deste organismo

A Xunta de Goberno adxudicou a contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Lugo por un prezo total para a anualidade do 2016 de preto 2,2 millóns de euros

Na sesión deste mércores aprobouse abrir o procedemento de adxudicación da prestación do servizo do Centro de Día Antonio Gandoy, que conta con 50 prazas

Mércores, 30 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno aproba a creación dun Consello Municipal de Turismo, que desenvolverá iniciativas e liñas estratéxicas para potenciar este sector

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a creación dun Consello Municipal de Turismo, tal e como lle avanzara a Alcaldesa a diferentes asociacións empresariais nos pasados meses, un anuncio que se materializou esta maña. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que a creación deste órgano responde a importanica do turismo como motor económico para a cidade, un sector que no pasado 2015 rexistrou un incremento do 8,5% en rendibilidade hoteleira e un 3,5% en emprego turístico.

Tal e como avanzou Fernández, neste órgano participarán tanto as Administracións Públicas con competencias en materia turística como as organizacións máis representantivas do sector turístico, sindical e aquelas outras institucións públicas ou privadas que se determinen, co obxectivo de unir forzas, crear sinerxias e coordinar estratexias para aproveitar a gran riqueza cultural, histórica, patrimonial e arqueolóxica en favor do desenvolvemento económico do Concello.

Entre os obxectivos do Consello destaca a promoción e estímulo do sector turístico de calidade e accesible, o impulso da desestacionalización do sector turístico, a diversificación da oferta, impulsar o sector como xerador da riqueza elevando a estancia media, garantir a sostibilidade do desenvolvemento turístico e a difusión do patimonio cultural de Lugo, a colaboración coa Universidade nos programas de investigación e desenvolvemento turístico, promoción de Lugo como destino turístico de calidade, a planificiación e deseño de accións sobre recursos turísticos para facer un turismo accesible, potenciación da ensinanza do turismo e a formación e o perfeccionamento das/dos profesionais do sector, así como o desenvolvemento de infraestruturas turísticas no ámbito de competencia municipal e o fomento do coñecemento do patrimonio cultural, histórico, natural do Concello de lugo por parte da cidadanía.

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua elaborará o regulamento de creación e funcionamento do Consello Municipal de Turismo, determinando o obxecto, funcións e competencias, fins e obxectivos, composición e funcionamento deste organismo.

Servizo de Axuda no Fogar

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou adxudicar á mercantil Valoriza Servicios a la Dependencia S.L., a contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Lugo por un prezo total para a anualidade do 2016 de preto 2,2 millóns de euros.

“Coa continuidade deste servizo, damos cobertura á poboación máis vulnerable e que máis o necesita, como son os nosos maiores, que representan o 20% do noso municipio”, subliñou o edil, ao tempo que anunciaba os obxectivos deste programa, que persegue mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, ao tempo que posibilita a permanencia no seu contorno de vivencia habitual e favorece a súa autonomía no propio domicilio. Previr situacións de dependencia ou exclusión social é outro dos obxectivos que persegue este servizo.

O prazo de execución do servizo será de 2 anos, podendo ser prorrogable por períodos máximos anuais por acordo do órgano de contratación, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas, poida exceder de 4 anos.

O horario de prestación do servizo ordinario será de luns a sábado en horario de 07:00 a 22:00 horas, sempre que sexan laborais; e en servizo extraordinario, de 22:00 a 07:00 horas de luns a sábado, os domingos e os festivos as 24 horas. A duración da prestación do servizo nunca será inferior a 30 minutos diarios, e prestarase nun máximo de 3 franxas horarios diarias, debendo respectar, sempre que sexa posible, a vontade da persoa beneficiaria.

No pasado ano 2015 o Concello atendeu a máis de 450 usuarios dentro do Servizo de Atención no Fogar.

Centro de Día Antonio Gandoy

Tal e como se anunciara no día de onte, a Xunta de Goberno abriu o proceso de adxudicación da prestación do servizo do Centro de Día Antonio Gandoy, de atención ás persoas maiores, así como os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación. Así mesmo, aprobouse o procedemento de adxudicación aberto.

O contrato terá duración dun ano, podendo ser prorrogable por outro período máximo anual. O valor estimado da primeira anualidade son 383.486,63 euros, ascendendo o valor total do contrato a 766.973,26 euros.

A ratio do persoal de atención directa en réxime continuo será de 1 por cada 10 persoas usuarias, cun mínimo de 2 traballadores, tendo en conta co número de prazas a xestionar é de 50 prazas, posto que no caso de medias xornadas o número de persoas usuarias é superior ao número de prazas. Para cubrir as necesidades serán necesarios 6 xerocultores a xornada completa, 2 ao 77,5% da xornada, un ao 30% e outro ao 10%. Ademais, o centro deberá contar un director a xornada completa, un médico-xeriatra, 3 horas semanais, un ATS, 5 horas semanais, 1 fisioterapetua, 20 horas semanais; 1 terapeuta ocupacional, 20 horas semanais, 1 TASOC, 20 horas semanais; servizo de perruquería e podoloxía, 8 horas á semana, e un psicólogo, a media xornada.

Esta xestión concrétase en prestacións sociais, atención xeriátrica-rehabilitadora e social, atención á saúde psicofísica e socialización e participación.

Ademais inclúe o servizo de transporte, que consistirá no traslado dos usuarios dende o domicilio ao centro de día e dende o centro de día ao domicilio. O transporte realizarase todos os días que o centro estea aberto, cun número de vehículos de transporte que sexa suficiente para tódolos usuarios, realizando as viaxes necesarias para que estes estean no Centro nos horarios establecidos.

O dito servizo prestarse todos os días da semana, excepto festivos, a excepción de dous domingos ao mes, de luns a sábado, de 08:30 a 20:30 horas, e os domingos –1º e 3º de cada mes-, das 11:00 ás 18:00 horas.

O Concello de Lugo ofrece este servizo para previr a progresión das situacións de deterioro físico e psíquico dos usuarios, para conservar e recuperar a súa autonomía persoal, para manter aos usuarios no seu medio habitual de vida, e para apoiar ás familias que atenden aos seus maiores.

O anunciou de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, así como no perfil do contratante do Concello na web www.lugo.gal.

O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais, contados dende a publicación no BOP.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a creación dun Consello Municipal de Turismo |Descargar mp3

Noticias relacionadas