O Goberno afonda no seu compromiso co fomento da educación viaria e organiza unha edición máis os cursos de Primavera Segura

Manuel Núñez, Jesús Losada e Paula Yubero presentaron a sétima edición desta iniciativa, que arrincará o luns, 30 de abril, no Parque Infantil de Tráfico

Os nenos e nenas interesadas poden inscribirse do 2 ao 13 de abril no PIT ou na Xefatura Provincial de Tráfico. A lista de admitidos publicarase o 23 de abril

Xoves, 22 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno afonda no seu compromiso co fomento da educación viaria e organiza unha edición máis os cursos de Primavera Segura

Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o responsable do Parque Infantil de Tráfico, Jesús Losada, e a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, presentaron este xoves no Salón de Plenos os VII Cursos Primavera Segura, que acollerá o Parque Infantil de Tráfico López Mella dende o luns, 30 de abril.  Un ano máis, Concello e Dirección Xeral de Tráfico afondan no seu compromiso co fomento da seguridade viaria entre os nenos e nenas de 8 a 14 anos, coa finalidade de que adquiran condutas seguras como peóns e como usuarios do transporte público e do privado. Así mesmo, os cursos de Primavera Segura serven para tratar aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais, entre outros.

No acto de presentación, Núñez subliñou a importancia destas actividades, que forman aos máis cativos da casa, con clases teóricas e prácticas, no eido da seguridade vial. O edil tamén enxalzou o compromiso do Goberno co fomento da educación viaria, a través de iniciativas como os cursos de Primavera Segura.

Pola súa banda, Yubero fixo fincapé na positividade da iniciativa para a cidadanía no seu conxunto, e especialmente para os nenos e nenas, que non soamente adquirirán comportamentos seguros senón tamén valores en educación viaria. Tamén quixo animar aos pais e nais, nenos e nenas e centros escoalares a inscribirse nestas actividades libres e gratuítas.

Inscrición

Todos os nenos e nenas interesadas poderán inscribirse do 2 ao 13 de abril, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:00 a 13:30 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de persoas admitidas publicarase o 23 de abril no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é de balde.

Quendas por idade

Tal e como explicou Losada, agárdase a participación duns 100 nenos e nenas. Estableceranse 5 quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro turno do 30 de abril ao 4 de maio para os nenos e nenas de entre 12 e 14 anos, un segundo e un terceiro, do 7 ao 11 de maio e do 14 ao 18 de maio, para os de 10 e 11 anos, e un cuarto e quinto, 21 ao 25 de maio e do 28 de maio ao 1 de xuño, respectivamente, para os nenos de 8 a 9 anos. As actividades desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida que será asignada previamente, recibindo formación teórica e práctica, coa finalidade de achegalos a situacións de tráfico, sen perigo ningún. Agrúpanse coa finalidade de incidir en temas concretos dependendo da idade, por exemplo, aos de 8 anos con máis relevancia no comportamento como peón e usuario do transporte público, ou os 10, como ciclista ou usuario dos monopatíns.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre os cursos de Primavera Segura | Descargar mp3

Noticias relacionadas