A alcaldesa sinalou que na XGL celebrada esta mañá aprobouse a transmisión con cambio de titularidade de dúas parcelas valorados en 1.005.399 euros que contan coa edificabilidade necesaria para o proxecto que se quere levar a cabo.
“O expediente concluíuse onte e hoxe aprobamos a súa cesión para que Interior dispoña dos terreos canto antes. Esta celeridade na tramitación burocrática permítenos situar a Lugo nun excelente punto de partida para a asignación de fondos”, dixo.
"Trátase dunha mala noticia para vostedes, pero supón unha gran noticia para todas e todos os lucenses", asegurou a rexedora afeando a actitude de boicot mantida en relación a este asunto pola oposición.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anuncio está mañá durante o transcurso do pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Popular que os terreos necesarios para a construción da nova Comisaría de Policía Nacional en Abella xa están ao dispor do Ministerio de Interior." Trátase dunha mala noticia para vostedes, pero supón unha gran noticia para todas e todos os lucenses", asegurou a rexedora afeando a actitude de boicot mantida en relación a este asunto pola oposición, da que opina que tentou desviar o foco e distorsionar a realidade sobre este asunto co ánimo de desprestixiar os logros do Goberno local.
Así, a alcaldesa informou de que na Xunta de Goberno Local celebrada está mañá antes da sesión plenaria aprobouse a cesión dos terreos acordados coa Dirección Xeral da Policía Nacional e coa Delegación do Goberno de España en Galicia nos múltiples encontros celebrados ao longo dos últimos meses que chegaron á súa culminación na reunión mantida con ambas as institucións o pasado 9 de outubro na casa do concello na que o responsable da área de Infraestruturas Policiais e a arquitecta da Sección Norte do Servizo de Arquitectura da Policía Nacional confirmaron a idoneidade dos terreos ofertados polo Concello, que contan coa edificabilidade necesaria para o proxecto que se quere levar a cabo.
Deste xeito, aprobouse a transmisión con cambio de titularidade de dúas parcelas, unha de 2.117 metros cadrados, sita no número 1 da rúa Orquídea, e outra de 483 metros de superficie situada no número dous da rúa Aquilino Iglesias Alvariño, situada fronte á anterior e destinada a prestar servizos complementarios da actividade que se desenvolverá na nova sede da Policía Nacional en Lugo. Ambos os terreos, valorados en 1.005.399 euros, pasarán así a titularidade da Administración Xeral do Estado para a súa afectación permanente ao Ministerio de Interior para ser destinadas á construción da nova comisaría.
“O expediente concluíuse onte martes e decidimos elevalo a XGL hoxe mesmo para que Interior dispoña dos terreos canto antes. Esta celeridade na tramitación burocrática permítenos situar a Lugo nun excelente punto de partida para a asignación de fondos”, explicou tras o pleno Alvarellos. “Ditas obras deberán comezar nun prazo máximo de cinco anos e a afección permanente deste destino manterase por un período mínimo de 30 anos”, proseguiu a rexedora.
"Trátase pois da culminación dun traballo constante, discreto e en continua colaboración coas administracións implicadas que terá enormes repercusións postivas para a cidadanía en termos de seguridade cidadá, servizos públicos, e por tanto calidade de vida. Hoxe púidose comprobar que non era necesario aprobar en Pleno esta cesión, como así sostivo a portavoz na oposición, Elena Candia, ao longo de todo este tempo co único obxectivo de desacreditar o noso traballo e de transmitir á veciñanza unha visión distorsionada deste gran logro municipal", afirmou Alvarellos Fondo.
Así mesmo, a rexedora continuou evidenciando a actitude de bloqueo mostrada polo Partido Popular en todo o proceso. "Primeiro, o goberno de Mariano Rajoy gardou nun caixón este proxecto. Despois, o presidente da Xunta nese momento, Alberto Núñez Feijoó, incumpriu a súa palabra de facilitar a construción da nova comisaría na zona norte da cidade non achegando os terreos necesarios no ámbito da antiga Residencia, e, posteriormente o grupo municipal do PP quixo enredar e desviar a atención sobre este asunto propoñendo como posible sede o edificio de Obras Públicas sabendo que non cumpría os requisitos necesarios”, dixo.
“Con todo, e pesar de todo este ruído mediático, seguimos traballando en silencio, coa dilixencia precisa e o rigor necesario, para conseguir o noso obxectivo de dotar a Lugo dunha nova comisaría de Policía Nacional e que esta se sitúe na zona norte da cidade, algo para o que contamos en todo momento co máximo compromiso e colaboración por parte da Delegación do Goberno á que quero trasladarlle o meu agrademento”, concluíu.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o Pleno Extraordinario | Descargar mp3

