O Executivo de Lara Méndez defenderá no Pleno unha proposición para garantir o futuro do Campus Terra

A proposta solicita á Xunta de Galicia  revisar o Decreto 222/2011, polo que se establece o alumnado mínimo por grao universitario como criterio para asegurar a súa viabilidade, por non adecuarse á realidade galega e polas súas múltiples  implicacións negativas.

O texto insta á USC a considerar de xeito obxectivo a especialización do Campus Terra como un valor competitivo diferencial na súa toma de decisións, de xeito especial  ante unha posible reconfiguración do seu mapa de titulacións.

Martes, 14 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez defenderá no Pleno unha proposición para garantir o futuro do Campus Terra

A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición que ten por obxectivo garantir o futuro do Campus Terra conservando a súa actual oferta educativa e o seu tarscendental labor de investigación. A proposta solicita á Xunta de Galicia revisar o Decreto 222/2011, polo que se establece o alumnado mínimo por grao universitario como criterio para asegurar a súa viabilidade, por non adecuarse á realidade galega e polas múltiples implicacións negativas que, a nivel social, económico e cientifico, ten esta norma para Lugo e, por extensión, para toda a Galicia rural. Así mesmo,  o texto insta á USC a considerar, de xeito obxectivo, a especialización do Campus Terra como un valor competitivo diferencial na súa toma de decisións,  especialmente  ante unha posible reconfiguración do seu mapa de titulacións.

“Tras unha serie de entrontros mantidos ao longo dos útlimos días, tanto de forma presencial como teléfonica, coa dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñería e con distintos axentes do Campus Terra por este asunto, desde o Goberno local apostamos por traballar de forma institucional na defensa do noso campus e por iso presentamos esta proposición de xeito razoado e fundamentado”, sinalou a rexedora, quen considera que os argumentos esgrimidos polo reitorado da USC son insuficientes.

“Os criterios para definir a viabilidade dunha titulación non poden establecerse unicamente polo numero de alumnos e alumnas matriculados, senón polo rendemento que as persoas con titulación nestes graos aportan ao territorio. Neste sentido, a vinculación do Campus Terra con Lugo, onde a agricultura, a gandería, o sector forestal  e os diferentes procesos do sistema agroalimentario teñen un peso capital no sistema productivo, están sobradamente acreditados”, sinalou a este respecto a alcaldesa de Lugo, quen recordou algunhas das achegas dos equipos de investigación a nosa sociedade.

“Gran parte da reforma estrutural acometida nas explotacións gandeiras galegas no século XXI levouse a cabo tendo en conta os criterios  de optimización de producción dos expertos deste campus. Ademais, o traballo de I+D+I que se ven levando a cabo desde este espazo permitiu que valiosos proxectos empresariais viran a luz nos últimos anos, posibilitando fornecer a nosa economía e dinamizando o mercado laboral”, afirmou a rexedora, que alertou do perigo que supón para estes grupos de investigación a restruturación esbozada polo reitorado da USC.

Méndez considera que, se ben a presión exercida pola comunidade universitaria, as institucións locais e a sociedade lucense en xeral ao longo destes últimos días acadaron un aprazamento temporal na toma da decisión por parte da USC, continúa a existir unha ameaza latente sobre o futuro do Campus Terra como espazo docente e de investigación científica.

“A comunidade universitaria, desde o colectivo de docentes ata as agrupacións estudiantís, coinciden en afirmar que este decreto non se adecúa á realidade social galega, xa que aspectos claves como o balance demográfico, a internacionalización da formación universitaria ou o actual contexto económico e social non foron tidos en conta no seu proceso de redacción. É, por si mesmo, este argumento, o da obsolescencia lexislativa, motivo suficiente para que o Goberno autonómico revise o decreto e o reitorado reevalue a súa decisión”, concluíu a alcaldesa.

Multimedia

  • O Executivo de Lara Méndez defenderá no Pleno unha proposición para garantir o futuro do Campus Terra

Noticias relacionadas