O Executivo de Lara Méndez continúa coa posta en valor do Carme sufragando parte do arranxo da Capela deste emblemático barrio

A alcaldesa asinaba hoxe un convenio coa Diócese de Lugo a través do cal o Concello achegará 70.000 € para acometer reparacións urxentes no edificio.

Lara Méndez: “Con esta axuda, que atende á petición da Confraría Virxe do Carme, protexemos ademais unha xoia arquitectónica, próxima aos nosos tres Bens Mundiais, pero tamén todo o patrimonio que acolle no seu interior”.

A entidade relixiosa cederá á Administración local o terreo ubicado na traseira do templo, onde se proxectan accións para contribuír á mellora da zona.

A actuación complementa outras que se desenvolven ao abeiro da Estratexia DUSI Muramiñae como a humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX ou as catas arqueolóxicas.

Xoves, 30 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez continúa coa posta en valor do Carme sufragando parte do arranxo da Capela deste emblemático barrio

O Executivo de Lara Méndez continúa dando pasos na posta en valor do barrio do Carme, onde o Concello sufragará parte do arranxo da súa Capela, atendendo así a petición realizada pola Confraría Virxe do Carme.

A alcaldesa asinaba hoxe un convenio de colaboración coa Diócese de Lugo, representada por José Manuel Penela Campos, a través do cal se formaliza a concesión dunha subvención municipal de 70.000 euros – autorizada esta semana en Xunta de Goberno – que se destinará ao arranxo dos danos que presenta a construción.

“Entre outras actuacións, urxe a reparación integral do tellado xa que o deterioro que presenta compromete a conservación dos bens dos séculos XVIII e XIX que atesoura no seu interior, así como a mellora do illamento exterior e a eliminación de humidades que lle afectan”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez destacou a importancia que esta obra terá para o templo, “cun significativo valor patrimonial e identitario moi vinculado á historia de Lugo e á do Carme, polo que a acción tamén se enmarca no impulso decidido que, dende a Administración local, lle estamos a dar á recuperación do barrio”, apuntou a alcaldesa en alusión á Estratexia Dusi Muramiñae a través da cal, o Executivo está a desenvolver accións como o acondicionamento do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX ou a realización das catas arqueolóxicas ao lado da Porta Miña coas que se pretende incrementar a conectividade da trama urbana coa contorna fluvial dunha forma sostible e respectuosa.

A alcaldesa indicou alén que a Diócese comprométese pola súa parte a ceder ao Concello os terreos ubicados na traseira da Igrexa, “o que nos permitirá proxectar neles accións que redunden na habitabilidade e humanización da zona e na prestación de servizos de utilidade para a veciñanza nunha localización tan emblemática coma esta na que conflúen os tres patrimonios da Humanidade cos que contamos en Lugo: a Muralla Romana, a Catedral e o Camiño Primitivo”, concluíu Méndez ao tempo que enxalzou o labor realizado no coidado da Capela pola Confraría Virxe do Carme - unha das máis antigas e numerosas do municipio - presidida por Antonio de Los Ojos que tamén asistiu ao acto celebrado esta mañá.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o arranxo na Capela do Carme | Descargar mp3

Noticias relacionadas