O espazo Coworking que o Concello e a EOI poñen en marcha no CEI-NODUS recibe medio cento de solicitudes

O mentor residente desta iniciativa, Roberto Touza, lidera a selección dos 22 proxectos que participarán nesta primeira convocatoria, e que arrincará antes de que remate o mes de decembro

O 55% dos solicitantes son homes, e o 45%, mulleres. A idade oscila entre os 19 e os 56 anos, sendo a media de 36 anos. Máis do 60% dos aspirantes teñen estudos universitarios

Venres, 09 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O espazo Coworking que o Concello de Lugo e a Escola de Organización Industrial poñen en marcha no Centro de Empresas e Innovación (CEI-NODUS) recibiu medio cento de solicitudes. Así o avanzou este venres o voceiro municpal, Miguel Fernández, quen explicou que o 55% das solicitudes son de homes e o 45% de mulleres. A idade dos e das solicitantes oscila entre os 19 e os 56 anos, sendo a media de 36 anos. Máis do 60% dos aspirantes teñen estudos universitarios.

A día de hoxe, o mentor residente desta iniciativa, Roberto Touza, lidera a selección dos participantes, aos que se lle está realizando unha entrevista. Seguidamente, e vendo os perfís, motivación e proxecto, elixiranse 22 beneficiarios, o número máximo para esta primeira convocatoria do coworking lugués, que arrincará antes de que remate o mes.

En total, preto de 90 proxectos e ata un máximo de 260 emprendedores recibirán formación e asesoramente neste espazo coworking, unha actuación impulsada conxuntamente pola entidadade local e a EOI, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo (FSE). Dita actuación constará de catro convocatorias sucesivas, que se desenvolverán durante cinco meses cada unha. Os emprendedores seleccionados recibirán apoio integral para a posta en marcha con éxito e con garantías de futuro das súas empresas, proporcionándolles espazos de traballo, obradoiros de formación, asesoramento personalizado e especializado e mentorización.

O programa Coworking, totalmente gratuíto para os beneficiarios, enmárcase na aposta do Goberno pola empregabilidade de calidade no municipio. Súmase ao plan de emprego 100% municipal (Con) trato feito!, e aos obradorios Emprega-TIC, entre outras iniciativas. Ten un orzamento conxunto de 800.000 euros, para o que a EOI achega o 80%, é dicir, 640.000 euros, que á súa vez proceden do Fondo Social Europeo, e o Concello o 20% restante, 160.000 euros de fondos propios, 40.000 en cada unha das catro edicións.

Audio

Noticias relacionadas