O Concello ultima os preparativos para recibir mañá a Volta Ciclista a España

A Alcaldesa mantivo este martes unha reunión con membros da Policía Local e Protección Civil, que despregarán un operativo de máis de 50 persoas. Ademais, o corpo de bombeiros disporá de 2 dotacións avanzadas na rúa San Froilán

Lara Méndez convidou aos lucenses e visitantes tanto a encher o adarve da Muralla, para amosar o cariño aos ciclistas, como a gozar do ambiente lúdico da Praza Maior, onde estarán instaladas diferentes actividades ata as 20:30 horas

Martes, 23 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ultima os preparativos para recibir mañá a Volta Ciclista a España

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este martes unha reunión con membros da Policía Local e Protección Civil para ultimar os preparativos para recibir mañá a Volta Ciclista a España, co fin de coordinar e definir os derradeiros detalles da proba deportiva ao seu paso pola cidade e garantizar o éxito e a seguridade, tanto dos participantes como dos espectadores. Ante a chegada dunhas 4.000 persoas á cidade, segundo datos facilitados pola propia organización da Volta, despregarase un dispositivo de coordinación, no que participarán uns 25 Policías Locais e preto de 30 voluntarios de Protección Civil, que serán reforzados polos corpos de seguridade da Policía Nacional e a Garda Civil de Tráfico. Ademais, o corpo de bombeiros disporá de 2 dotacións avanzadas na rúa San Froilán.

Tal e como se dera a coñecer, a entidade local reestruturou o tráfico co obxectivo de asegurar o normal desenvolvemento deste evento.  Deste xeito, a partir das 22:00 horas realizaranse corte totais ou parciais, principalmente na Ronda da Muralla e as súas adxacentes. Do mesmo xeito, dende esta mesma tarde, ás 16:00 horas, prohibirase o estacionamento nas rúas Castelao, Vilalba, Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, Avenida da Coruña, Concepción Arenal, Andoriñas, Camiño Real, Ourense, Mondoñedo e Pontevedra; así como no carril bus-taxi interior da Muralla e a Praza de Ferrol.

Tras a reunión, a rexedora quixo animar a todos os lucenses e visitantes da cidade a gozar do paso da quinta etapa da Volta Ciclsita a España por Lugo, na tarde de mañá mércores. Os ciclistas chegarán á cidade en torno ás 17:00 horas, e farán a súa entrada pola Ronda Norte cara a rúa Hortensia, praza de Garabolos, N-VI (dirección Madrid), glorieta Vítimas do Terrorismo, Paseo do Rato, rúa San Eufrasio, praza Conde Fontao, rúa Castelao, Ronda Muralla (en sentido contrario ao habitual), praza da Constitución, rúa Anxo López Pérez, praza Xaquín Lorenzo, rúa Vilalba e Ronda Muralla ata zona de meta, á altura da Porta de San Fernando. Previamente, ás 15:00 horas será a quenda dos máis cativos, pois 120 nenos de 10 colexios públicos pecorrerán o último quilómetro da etapa.

Lara Méndez destacou a gran importancia do paso deste gran evento pola cidade e convidou aos lucenses tanto a encher o palco vip, o adarve da Muralla, para amosar o cariño aos ciclistas, como a gozar do ambiente deportivo e lúdico, que continuará na Praza Maior ata as 20:30 horas, onde estarán instaladas diferentes actividades dos patrocinadores deste evento, como bicicletas solidarias, que convertirán os quilómetros pedalexados en quilos de alimentos doados ao Banco de Alimentos, degustación de produtos, hichables para os máis cativos, e unha pantalla xigante para os que queiran ver a chegada do pelotón a Lugo dende a Praza Maior.

Noticias relacionadas