O Concello rende o seu propio tributo a Manuel María cunha vintena de actividades no ano que se lle dedican as Letras Galegas

Carmen Basadre presentou este martes a programación organizada pola entidade local para todos os públicos, que terá lugar ao longo de todo o ano, con especial intensidade durante o mes de maio

Poemas a bordo de autobuses, cidade rodeada de versos, obradoiros, teatro, títeres, conferencias, recitais poéticos, proxeccións audiovisuais e rutas xeoliterarias son algunhas das actividades programadas

Martes, 29 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e un representante da Fundación Manuel María, Antón Laxe, presentaron este martes no Salón de Plenos a programación de actividades para todos os públicos organizadas polo Concello para render tributo a Manuel María no ano que se lle dedican as Letras Galegas. Trátase dunha vintena de actividades que se realizarán ao longo de todo o ano, con especial intensidade durante o mes de maio.

No acto de presentación, Carmen Basadre subliñou a importancia literaria deste gran poeta, “tan vinculado como estivo sempre e sigue estando coa cidade de Lugo”. Neste senso, a Concelleira desexou que tanto a súa obra como a súa memoria siga vixente non soamente no ano que se lle dedican as Letras Galegas, senón sempre.

A edil lembrou a figura de Manuel María, “que merece estar entre os mellores poetas nacionais, e que acadaría a categoría dun poeta internacional, alí onda os haxa”, e avogou pola defensa que fixo da lingua galega, “pois escribiu os versos máis fermosos que temos na literarutra galega”.

Pola súa banda, Laxe transladoulle o agradecemento e os parabéns da Fundación María ao Concello, “pola programación que procura a mellor homenaxe a Manuel María, que non é outra que difundir a súa obra, para que sexa coñecida e lida, e máis concretamente na cidade de Lugo, onde Manuel María tivo unha vinculación especial”.

Manual María, na memoria de Lugo

As actividades arrincarán o 14 de abril, coa actividade de animación á lectura, Polo correo do vento, ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal. Tamén no mes de abril, o venres 22, terá lugar unha representación teatral, A verdadeira historia de Manuel de Paderna, a cargo do grupo Lucecús, no Auditorio Municipal; e o sábado 23, Día do Libro, unha lectura colectiva de poemas ao longo do día xunto á Casa Consistorial.

Durante o mes de maio, todos os lucenses e visitantes poderán ler unha selección de #17PoemasDeManuelMaría nos 50 autobuses urbanos de Lugo, en carteis colocados no seu interior, onde tamén estarán dispoñibles un total de 17.000 marcadores de lectura que poderán levar os viaxeiros. Tamén estarán colocados en 17 mupis da cidade. Realizarase ademais unha distribución masiva dun díptico co poema que comeza O idioma é a chave coa que abrimos o mundo, dedicada á lingua galega.

O xoves 5 de maio, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), acollerá a presentación dun DVD e os día 7, 12 e 19, a Biblioteca Municipal organizará obradoiros e sesións de teatro e títeres.

O propio Día das Letras Galegas, o Concello ofrecerá un concerto do conxunto vogal Lugh, que actuará polas rúas da cidade a partir das 13:00 horas, así como un recital homenaxe dos poetas da revista Xistral na Casa do Concello, que foi fundada por Manuel María.

En xuño, o día 5, Día do Medio Ambiente, terá lugar unha rota xeoliteraria polos espazos próximos á cidade, dada a gran presenza dos temas medioambientais na obra de Manuel María. Ademais, no Parque da Milagrosa e na rúa que leva o nome do autor, terá lugar un recital dos seus poemas sobre a natureza.

O Día Europeo das Linguas, 26 de setembro, na Casa das Linguas, recital de poemas traducidos a outras linguas.

No mes de outubro, o Concello celebrará o nacemento de Manuel María na Casa do Concello cunha conferencia da man de Darío Xohán Cabana; e dentro das festas do San Froilán, concerto d`A Quenlla, un dos grupos que máis cantaron e cantan a Manuel María. Neste mesmo mes, tamén se presentará unha edición facsimilar dos dous primeiros números da revista Xistral.

Audio

Documento

Noticias relacionadas