Igualdade colocará 5 instalacións noutras tantas prazas, durante unha semana, nas que a través de códigos QR se accederá á historia ou ás mensaxes de varios lucenses.
O Concello programa a actuación do DJ Beta para o venres, ás 20.00 horas na praza da Soidade, mentres que o vindeiro 19 de xullo, a Mosqueira acollerá o concerto de LocoMía.
Por primeira vez, a bandeira trans acompañará ao estandarte arcoiris, no lateral do Concello, para reflectir e apoiar esta realidade social, e ás asociacións Avante e Alas.

Baixo o lema ‘Lugo sen armarios’, o Concello de Lugo a través da área de Igualdade e Inclusión celebrará o Día Internacional do Orgullo o vindeiro venres 28, con esta campaña que reivindica a diversidade e os dereitos de todas e todos, independentemente da súa orientación sexual. Para iso, a concellería que dirixe Ángeles Novo instalará durante unha semana cinco armarios noutras tantas prazas da cidade, nos que a través de códigos QR no interior de cada armario, se poderá acceder ás historias de varios lucenses, de distintas idades, sexos e profesións. “Queremos que as persoas que están nesa situación vexan que o éxito persoal e profesional é posible, independentemente da súa orientación sexual, ao tempo que levamos a cabo unha campaña de sensibilización dos problemas aos que aínda hoxe ten que enfrontarse algunhas persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero ”, explica Ángeles Novo.
A área de Igualdade e Inclusión do Executivo de Paula Alvarellos colabora un ano máis cos colectivos Avante e coa Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo, Alas, para o desenvolvemento dos actos do día do Orgullo, e en especial da súa faceta musical. Así, ás 20.00 horas comezará a manifestación na praza Horta do Seminario, para rematar coa lectura do manifesto. Despois destes actos reivindicativos comezará a sesión disco, a cargo do DJ Beta, na praza da Soidade.
Para a edil responsable desta área “como administración local temos a obriga de construír unha sociedade inclusiva e libre, onde a educación xoga un papel fundamental para promover o respecto ás diferentes orientacións sexuais”. Con este obxectivo, xorde a idea de ‘Lugo sen armarios’, coa que “tamén queremos facer ver as distintas problemáticas que se viven nunha cidade pequena como Lugo. Coñeceranse as historias de persoas de aquí para as que foi difícil saír do armario nunha cidade así, pero tamén ao contrario: xente de fóra que chegou a Lugo a vivir e se liberou dos convencionalismos prexudiciais e das actitudes homofóbicas”, sinalou Ángeles Novo.
Precisamente, para sumarse a todas as reivindicacións e demandas no campo da diversidade, o Concello de Lugo lucirá por primeira vez a bandeira trans xunto ao estandarte arcoiris, co obxectivo de reflectir unha realidade social. “Trátase dunha xornada que debe servir para reivindicar dereitos e para que esta ampla comunidade reafirme a súa orientación sexual, ao tempo que denunciamos as actitudes homófobas que, por desgracia, aínda están presentes na nosa sociedade”.
Co obxectivo de cubrir toda a cidade, estas montaxes faranse en diferentes enclaves de Lugo como ao fondo da Praza Maior; Praza do Ferrol; Horta do Seminario; Praza da Milagrosa e Praza de Augas Férreas.
Máis Orgullo, o 19 de xullo
Dentro do programa do día do Orgullo, a concellería de Igualdade e Inclusión do Goberno local ten prevista ademais a actuación do grupo LocoMía, todo un referente da música electrónica e pop de finais dos anos oitenta e primeiros dos noventa, que marcou un fito pola súa estética transgresora, o seu vestiario e estilo propios.
Será o 19 de xullo, pero como parte do programa municipal para celebrar o Día do Orgullo, na praza Horta do Seminario, cun concerto que comezará ás 21.00 horas coas actuacións do DJ Frisco e de Marcos Peón, para despois dar paso á actuación do novo grupo Loco Mía, posto en marcha polo entón creador do conxunto primixenio, Xavi Font.
Audio
- A edil de Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, sobre o Día Internacional do Orgullo | Descargar mp3


