O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán

Carmen Basadre presentou a programación, que inclúe talleres de arte na pel e obradoiros de animación para centros xerontolóxicos, monitor de comedor e transporte público, reparación de móbiles e habilidades de comunicación

Unha vez por mes, haberá actividades de cultura urbana. Na primeira xornada,o 27 de xuño, será a quenda da patinaxe, con skatepark móbil, da bicicleta, cunha mostra de BMX, un obradoiro de rap e outro de personalización de gorras, na Praza Roxa, de 16:00 a 20:00 horas

O Vello Cárcere acollerá o 30 de xuño un concerto de piano de Álvaro Ledesma e o 7 de xullo a retransmisión da opéra Lucia Di Lammermoor. Será a partir das 20:30 e 21:30 horas, respectivamente

Mércores, 20 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán

Arte na pel, animación para centros xerontolóxicos, monitor de comedor e transporte público, reparación de móbiles e electrónica básica e habilidades de comunicación. Estas son as novas alternativas gratuítas educativas e de lecer que o Concello pon a disposición dos mozos e mozas luguesas ao longo deste verán, enmarcadas no programa +Xtí, de prevención de consumo de drogas.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen presentou a programación este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, fixo un chamamento á poboación máis nova do municipio para ocupar o seu tempo de lecer aprendendo novas habilidades deportivas ou sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos e mozas da súa idade.

Dende o vindeiro luns, o Concello ten preparado un taller de tatuaxe, os luns e mércores, das 10:00 ás 13:00 horas. Consta de 10 sesións, ata o 23 de xullo, e está destinado a rapaces e rapazas de 13 a 25 anos. Versa sobre a arte e cultura das tatuaxes. As prazas son limitadas polo que é preciso anotarse na Casa da Xuventude.

O taller de Animación sociocultural para centros xerontolóxicos terá lugar na Casa da Xuventude, do 2 ao 30 de xullo, das 10:30 ás 13:30 horas. A inscrición para esta alternativa, que tamén inclúe formación en primeiros auxilios, remata o vindeiro 27 de xuño nas mesmas instalacións municipais.

A Casa da Xuventude tamén acollerá, do 1 ao 29 de agosto, a acción de monitor de comedor e transporte escolar. Será das 10:00 ás 14:00 horas e inclúe tamén primeiros auxilios e manipulación de alimentos. A inscrición remata o día 30 de xullo.

No mes de xullo, o Concello tamén ofrece a alternativa de aprender a reparar móbiles e electrónica básica; neste caso do día 2 ao 20, das 11:00 ás 14:00 horas, no Vello Cárcere. A inscrición debe facerse na Casa da Xuventude ata o 28 de xuño.

No que se refire á actividade de Habilidades de comunicación e xestión emocional, celebrarase do día 2 ao 30 de xullo, en xornada de mañá, na Casa da Xuventude. Está dividida en catro módulos: desenvolvemento e training en habilidades emocionais, desenvolvemento das habilidades comunicativas, trining de oratoria e linguaxe comunicativa para crear mensaxes e beneficios da comunicaicón para a xestión de equipos e conflitos. O límite de prazas é de 15 por actividade para a mocidade de 18 a 35 anos censada no municipio ou que estude e traballe en Lugo.

Estas alternativas súmanse ao de tenis de mesa, que se está celebrando na Casa da Xuventude ata o vindeiro sábado, 30 de xuño, das 16:30 ás 21:30 horas. Tamén haberá xogos tradicionais ao aire libre.

Cultura urbana

Unha vez por mes, o 27 de xuño, o 11 de xullo e o 10 agosto, haberá actividades de cultura urbana. Na primeira xornada será a quenda da patinaxe, con skatepark móbil, da bicicleta, cunha mostra de BMX, un obradoiro de rap e outro de personalización de gorras, entre outros. Na segunda xornada, as persoas participantes poderán gozar con  saltos e escaladas, grazas ao parkour, un obradoiro das técnicas vocais de beatbox e de turntablism, así como de Dj. Na última delas haberá unha exhibición de freestyle football e dous obradoiros de baile moderno: slackline e breakdance.

Será na Praza Roxa, en Augas  Férreas e na Praza do Castiñeiro, respectivamente; de 16:00 a 20:00 horas, e para participar non é precisa inscrición previa.

Ópera e concerto de piano

O sábado, 7 de xullo, dentro da programación cultural do Concello, retransmitirase a opéra Lucia Di Lammermoor, de G.Donizetti, dende o Teatro Real. Poderá verse, dende as 21:30 horas, en pantallas no Vello Cárcere.

Trátase dunha obra basada na truculenta novela histórica de Walter Scott, que Salbatore Camarano transformou en libreto. É un melodrama romántico, con emocións exacerbadas, amores imposibles, traicións ou loucura.

Tamén, enmarcada na axenda cultural de Lugo, o 30 de xuño, a partir das 20:30 horas no Vello Cárcere, Álvaro Ledesma ofrecerá un concerto de piano, non como insturmento, senón como obxecto vivo co que relacionarse. Clausura así a súa exposición de obra escultórica que mantivo nos últimos meses no Vello Cárcere.

A entrada para ambas actuacións é de balde, ata completar aforo.

Audio

Multimedia

  • O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán
  • O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán
  • O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán
  • O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán
  • O Concello reforza as actividades de lecer alternativo destinadas á mocidade nas vacacións de verán

Noticias relacionadas