O Goberno local realizou onte o sorteo para asignar as aproximadamente 1.670 prazas ofertadas e publicará as listas definitivas de persoas admitidas o 14 de outubro.
O centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra foi o que máis solicitudes recibiu con case 650, seguido polos de Fingoi, Milagrosa e Maruja Mallo, que rexistraron máis de 400.
A edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, destaca que tamén este ano houbo moitas peticións para as actividades dirixidas ao envellecemento activo.

A Concellería de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, recibiu preto de 2.600 solicitudes de matrícula en algunha das trinta actividades de animación sociocultural para esta tempada, que se desenvolverán en dez centros de convivencia municipais. Segundo explica a edil encargada desta área “trátase dunha cifra un pouco superior á rexistrada o ano pasado, que para este curso tamén se incrementaron co respecto á anterior tempada. Onte celebramos o sorteo para asignar as case 1.670 prazas que poñemos a disposición das e dos lucenses, e o vindeiro día 14 de outubro publicaremos a lista de persoas admitidas”. Racamonde móstrase satisfeita coa programación deseñada este ano e sinala que “co incremento de prazas, desde o Goberno local estamos a manter o noso compromiso coa veciñanza de Lugo para que poida gozar dunha vida activa, plena e saudable”.
O centro de convivencia Uxío Novoneyra foi o que máis solicitudes recibiu, con case 650, seguido polos de Fingoi, Milagrosa e Maruja Mallo, que rexistraron máis de 400. Ademais de nestes tres centros cívicos, as actividades de animación sociocultural se desenvolverán nos locais de Sagrado Corazón, María Balteira, Lamas de Prado, Paco Martín, Díaz Castro e Leiras Pulpeiro. De feito, este ano o Goberno local aumentou o número de centros nos que se imparten estas clases, pasando de sete a dez, “co obxectivo de chegar a un maior número de lucenses e de fomentar así a vida comunitaria nos nosos barrios”, sinala López Racamonde.
O programa de actividades deste ano contempla ata trinta propostas de ocio diferentes, para a poboación en xeral, interxeracionais, para menores, específicos para persoas inmigrantes e para maiores, pero son precisamente estas últimas as máis demandadas, e dentro delas, as que apostan pola procura do envellecemento activo, con cursos dirixidos á mellora do estado físico pero tamén con clases de achegamento ás novas tecnoloxías, desenvolvemento de facetas artísticas e de activación da mente.
Así, ofertáronse bioximnasia, ximnasia de mantemento e obradoiros de memoria, competencias dixitais ou a mellora da creatividade, a través de clases de pintura ou de traballos manuais, por citar algunhas. Xunto a estas actividades, que dada a alta demanda se repiten na programación, este ano tamén se incorporaron novas propostas como cestería, horta e xardín de balcón, curso de voluntariado, baile galego, encadernación, visitas pola cidade ou obradoiro de radio.
As actividades se desenvolverán entre o 28 de outubro deste ano e o 30 de maio de 2025, pero dependendo do curso que sexa poderá durar entre un mes e oito, con propostas de entre 20 e 80 horas. Do total das 115 propostas de ocio ofertadas na programación, 36 son gratuítas e as de pago, ten cotas simbólicas.

