O Concello presentará en FITUR a campaña Ven, é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade da cidade

A Alcaldesa e a edil de Cultura darán a coñecer un vídeo promocional do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo. A entidade local tamén repartirá máis de 6.300 folletos promocionais no certame, que prevé superar os 222.500 visitantes

Concello e Alsa asinarán un convenio para apoiar e participar no Arde Lvcvs, que terá lugar do 16 ao 19 de xuño

Martes, 19 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello presentará en FITUR a campaña Ven, é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade da cidade

O Concello de Lugo presentará no marco da 36ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará entre mañá mércores e o vindeiro domingo 24 no recinto feiral IFEMA, a campaña turística Unha viaxe no tempo: Pasado, presente e futuro. Ven, é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade: a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago. Así o anunciou este martes a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen viaxará “á feira de turismo de referencia de España” xunto á Alcaldesa, Lara Méndez, para presentar o vindeiro xoves un vídeo promocional do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, protagonizado por un peregrino que decide realizar unha viaxe bimilenaria pola cidade, e para adquirir contactos para promover Lugo entre os 165 países e rexións que se darán cita nesta feira.  

 “Lugo é un bo lugar para baleirar a mochila e recorrer a súa historia bimilenaria e así o demostramos no vídeo. Queremos darnos a coñecer e presentar a nosa riqueza histórica, cultural e gastronómica”, asegurou Basadre. Neste senso, a edil explicou que no pasado ano 2015, Lugo recibiu a máis de 40.600 visitantes, un 5% máis que o pasado, aumentando tanto o turismo nacional como estranxeiro; “polo que as accións turísticas e a oferta que ofrecemos dende o Concello son efectivas, e temos que seguir traballando na promoción”.

“No Concello apostamos polo turismo, que xera un 3,6% do emprego a nivel nacional, e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia como ruta xacobea”, sentenciou a edil, ao tempo que lembrou o éxito que acadou o programa de visitas guiadas A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II, no que participaron máis de 400 persoas nas 16 andainas que se levaron a cabo o pasado verán.

A Concelleira tamén avanzou que se repartirán máis de 6.300 folletos promocionais de Lugo, así como guías, planos, marcapáxinas ou lapis nesta feira de turismo, que prevé superar a cifra dos máis de 222.500 visitantes da edición anterior, “unha oportunidade única que non podemos deixar escapar para promocionar o noso Lugo do pasado, do presente e do futuro”.

Tal e como avanzou a edil, na montaxe audiovisual pódense visualizar os tres Bens Mundiais, a Muralla de Lugo, que cumpriu o pasado ano 15 anos da súa declaración como Patrimonio da Humanidade sendo a única Muralla en pé que se recorre por riba na súa totalidade, a Catedral e o Camiño Primitivo. “Somos un dos poucos Concellos que podemos presumir de ter tres patrimonios da humanidade e temos que aproveitalo”, informou a edil. Ademais, a entidade local incluíu no vídeo a Ponte Romana, o casco histórico, a Praza Maior, a Casa Consistorial, o Parque de Rosalía, o MIHL, e o Río Miño, así como imaxes relacionadas co Arde Lvcvs ou coa gastronomía, entre outros.

Convenio Grupo Alsa

Carmen Basadre adiantou que o Concello de Lugo e o Grupo Alsa asinarán un novo convenio para apoiar e participar no Arde Lvcvs, “o que facilitará o transporte aos turistas que queiran coñecer os nosos antepasados romanos”.

 Grazas a este convenio, os viaxeiros que queiran achegar a gozar do Arde Lvcvs, que se celebrará entre o 16 e o 19 de xuño,  terán un desconto do 25% nas viaxes realizadas con saída ou destino Lugo 3 días antes do festexo e 2 días despois. 

Audio

Noticias relacionadas