O Concello ofrece á mocidade luguesa a opción de practicar equitación no mes de xullo

Todos os interesados nesta actividade, que terá lugar os martes e xoves en xornada de mañá e de tarde, poden inscribirse dende o vindeiro luns e ata o 1 de xullo na Casa da Xuventude

Mércores, 22 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ofrece á mocidade luguesa a opción de practicar equitación no mes de xullo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este mércores unha nova actividade gratuíta que organiza o Concello no marco do programa +Xtí de prevención no consumo de drogas, dirixido á mocidade luguesa de entre 12 e os 17 anos. Trátase de Iniciación á equitación, que terá lugar no centro de hípica Equs Cavalleti, en Rubiás, todos os martes e xoves de xullo, en quenda de mañá de 12:00 a 13:00 horas e de tarde, de 19:00 a 20:00 horas. Estableceranse catro grupos, cunha duración total de 4 horas por grupo.

Todos os interesados en participar nesta actividade, que conta con 20 prazas, poden inscribirse na Casa da Xuventude a partir do vindeiro luns e ata o 1 de xullo. No caso de ser maior o número de solicitudes que de prazas, celebrarase un sorteo público na Casa da Xuventude o día 4 de xullo ás 10:00 horas.

Tal e como subliñou Basadre, “trátase dunha actividade moi demandada polos rapaces, que lles permite pasar dunha forma distinta o seu tempo de lecer, ao tempo que aprenden novas habilidades rodeados doutros mozos da súa idade, e neste caso en contacto coa natureza e os animais”.

Iniciación á equitación súmase a outras actividades que o Concello ten programadas dentro do programa +Xtí, como obradoiros de iniciación á cociña, para o que está aberto o prazo de inscrición ata o día 30 de xuño ou de iniciacicón á fotografía dixital e de fotografía timelapse e 360º, aos que se poden anotar os interesados ata o 29 de xuño, así como un taller de vídeo creación ou deportes na rúa. A vindeira cita co parkour, street workout e co acrosport será o 1 de xullo, das 17:00 ás 20:00 horas no Parque de Rosalía de Castro.

Audio

  • Carmen Basadre, durante a presentación de Iniciación á equitación | Descargar mp3

Noticias relacionadas