O Concello licita por 82.200 euros o equipamento informático do edificio de Novas Tecnoloxías e do Vello Cárcere

Resoltos os contratos coas adxudicatarias das obras da biblioteca da Piringalla despois de que o Consello Consultivo de Galicia emitise un informe favorable. O Concello retomará agora o proxecto con outra empresa

A Xunta de Goberno aprobou a ampliación do prazo de execución da obra de pavimentación e servizos na rúa Lopo Líos nun mes, polo que en data 10 de decembro de 2015 a obra deberá estar totalmente executada 

Mércores, 18 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a saída a contratación do subministro e instalación de equipamento informático no edificio de Novas Tecnoloxías, que se está a acondicionar na Praza Anxo Fernández Gómez, e no centro cultural do Vello Cárcere, por un importe total de 82.200 euros. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen deu a coñecer que se adquirirán 36 ordenadores, tres impresoras, dous televisores, dous soportes para televisor e seis licenzas de programas e software informáticos para o edificio de Novas Tecnoloxías por importe de 72.600 euros, e catro ordenadores e dúas impresoras para o Vello Cárcere por 9.600 euros.

Biblioteca da Piringallla

A Xunta de Goberno tomou razón e acordou comunicar á empresa adxudicataria e á de asistencia técnica das obras da biblioteca da Piringalla o ditame favorable emitido polo Consello Consultivo de Galicia sobre os expedientes de resolución dos contratos. Trátase dun ditame emitido polo Consello, logo de que o pasado 7 de outubro a Xunta de Goberno aprobara remitir os devanditos expedientes de resolución dos contratos coa empresa adxudicataria e coa empresa de asistencia técnica polo incumprimento das obrgias contractuais, realizando obras que non se axustaban ao proxecto. “Desta forma, unha vez concluído o proceso de resolución dos contratos, o Concello retomará agora de inmediato as obras con outra empresa, da forma que indiquen os técnicos, para garantir a máxima calidade do edificio”, asegurou Fernández.

Obras na rúa Lopo Lías

Miguel Fernández informou así mesmo de que na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse a ampliación do prazo de execución da obra de pavimentación e servizos na rúa Lopo Líos nun mes, polo que en data 10 de decembro de 2015 a obra deberá estar totalmente executada.

Tal e como deu a coñecer Fernández, o prazo de execución previsto no proxecto era de dous meses. A data da acta de comprobación de replanteo era do 10 de setembro de 2015 polo que a obra debería estar rematada o día 10 de novembro de 2015. A empresa solicitou un prazo de ampliación debido ao atraso de xestións administrativas para traballos non previstos, á aparición de anomalías e ás inclemencias meteorolóxicas.

Audio

Noticias relacionadas