O Concello licita por 174.000€ un servizo de vixilancia nos sete centros de convivencia municipais

A Xunta de Goberno aprobou tamén a contratación do servizo de cociña, comedor e lavandería das escolas infantís Serra de Outes e Gregorio Sanz por un importe de 97.200€

Mércores, 08 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou sacar a licitación un servizo de vixilancia nos sete centros de convivencia municipais (Fingoi, Sagrado Corazón, A Milagrosa, Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, Lamas de Prado e María Balteira) co fin de garantir a seguridade dos traballadores. O voceiro do Goberno, Miguel Fernández, explicou que o orzamento co que sae a contratación este servizo, que adxudica en sete lotes, é de 173.957 euros a primeira anualidade, 24.851 por centro, cunha duración de dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous.

Por outra banda, na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedou aprobada a  contratación do servizo de cociña, comedor e lavandería das escolas infantís Serra de Outes e Gregorio Sanz por un importe de 97.265 euros a anualidade, repartido en cantidades iguais (48.632 euros) para cada dun dos centros, aos que acoden 61 nenos e nenas de entre 3 meses a 3 anos de idade. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen precisou así mesmo que, segundo os pregos de contratación, o servizo, que se licita en dous lotes, prestarase en horario de 7.45 a 16.45  e contará cun mínimo de dúas persoas, unha con titulación de cociñeiro e outra que realizará tarefas de auxiliar de cociña, de servicio da comida e de limpeza.

A Xunta de Goberno aprobou conceder licencia urbanística para a rehabilitación de dous edificios para catro e dúas vivendas na Praza Maior, 10, e na rúa Doutor Castro, obras cun prazo de execución de 36 meses e un orzamento de 364.036,70 euros.

Así mesmo, tomou razón da sentenza do TSXG que, como xa avanzara o Concello, desestima o recurso contencioso administrativo presentado pola Asociación Cultural do Parque Rosalía de Castro contra a licencia de primeira ocupación do número 8 da Avenida República Argentina concedida en Xunta de Goberno no ano 2009.

Noticias relacionadas