O alcalde insta á Xunta a abrir unha canle de comunicación coas persoas residente das Gándaras para explicar a reforma do centro

“De confirmarse as queixas das e dos usuarios, resulta preocupante apostar por un modelo que reduce preto de 30 prazas e diminúe a intimidade das persoas usuarias”, sinalou o rexedor.

 A reforma supón a perda de 6 prazas por planta, o que, no conxunto das cinco plantas, tradúcese nun total de 30 prazas menos, segundo trasmite o persoal asistente ao encontro.

Xoves, 15 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde insta á Xunta a abrir unha canle de comunicación coas persoas residente das Gándaras para explicar a reforma do centro

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, instou á Xunta de Galicia a establecer de maneira urxente un canal de comunicación directo coas persoas residentes da residencia de maiores de As Gándaras, co obxectivo de explicar con claridade e transparencia o proxecto de reforma previsto para o centro e atender as dúbidas e inquedanzas existentes.

Esta petición prodúcese tras o encontro que o rexedor mantivo onte coas persoas usuarias afectadas pola reforma, así como con persoal do propio centro no que estivo acompañdo pola voceira municipal, Ana González Abelleira. Para o Goberno local, a información trasladada nesa reunión xera unha fonda preocupación, especialmente polo modelo polo que se aposta, que suporía unha redución aproximada de 30 prazas e un empeoramento das condicións de intimidade e de calidade de vida das persoas residentes.

Tal e como se explicou no encontro, antes da reforma, na ala curta de cada planta había 10 persoas con espazos individualizados, mentres que na ala longa residían 20 persoas, tamén con zonas diferenciadas. Co novo deseño, a ala curta pasaría a contar con 8 habitacións individuais, mentres que na ala longa se habilitarían 16 habitacións dobres que, segundo manifestaron os propios usuarios e usuarias, non garantirían condicións axeitadas de intimidade. Este cambio supón a perda de 6 prazas por planta, o que, no conxunto das cinco plantas, tradúcese nun total de 30 prazas menos.

Segundo trasladou o alcalde, “estaríamos a falar da desaparición dunhas 20 habitacións individuais e dun cambio moi relevante no modelo de convivencia, que ademais non foi previamente consultado coas persoas residentes, algo que nos preocupa profundamente”. Fernández engadiu que “as persoas residentes teñen dereito a ser informadas, escoitadas e a vivir en condicións que garantan a súa dignidade e benestar”.

Neste sentido, Miguel Fernández solicitou aos responsables da Xunta que se despracen ata a residencia de As Gándaras para manter un contacto directo cos usuarios e usuarias, explicarlles o proxecto con detalle e aclarar todas as dúbidas existentes.

O rexedor insistiu en que o Concello non pretende xerar confrontación neste asunto, senón defender o interese das persoas maiores, subliñando que calquera actuación nun centro destas características debe situar ás persoas no centro das decisións, priorizando a súa calidade de vida, a súa intimidade e o respecto á súa opinión.

Multimedia

  • O alcalde insta á Xunta a abrir unha canle de comunicación coas persoas residente das Gándaras para explicar a reforma do centro

Noticias relacionadas