O Concello impulsa o traballo das mulleres empresarias lucenses co evento Comerci-Arte

Lara Méndez participou na presentación deste campaña organizada pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo que terá lugar mañá venres nuns 50 establecementos da cidade

Xoves, 08 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación de Comerci-Arte

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a presidenta da Asociación Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela, e a delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias, presentaron este xoves o evento Comerci-Arte, que terá lugar mañá venres 9 de outubro nuns 50 establecementos da cidade. O Concello de Lugo colabora con AELU nesta iniciativa, posto que se enmarca na súa aposta polo impulso do tecido empresarial de Lugo e por fomentar o emprego feminino.

Durante a presentación, a rexedora amosou o apoio da entidade luguesa a Comerci-Arte, posto en marcha co obxectivo de dinamizar a actividade comercial das empresarias, e que supón ademais unha oportunidade única para pór en valor e visibilizar o labor das mulleres emprendedoras, que “teñen un dobre mérito, pois ademais de empresarias, deben facer un importante esforzo para a conciliación”.

A Alcaldesa quixo destacar o esforzo de AELU, que agrupa a máis de 150 emprendedoras da provincia, por potenciar o comercio da cidade, “un sector estratéxico no noso municipio, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos”. Lara Méndez tamén gabou a loita do colectivo por reivindicar para a muller un papel activo na sociedade, ao tempo que animou a todas as persoas que teñan unha idea de negocio a empregar os recursos que ofrece o Concello, como o CEI-NODUS, do que saíron unhas 70 empresas dende a súa posta en marcha.

Máis de 50 comercios con descontos

A campaña de dinamización Comerci-Arte contará con máis de 50 comercios que ofrecerán aos seus clientes promotarxetas con ofertas, descontos, promocións e agasallos durante todo o día para premiar aos seus clientes. Entre os negocios que participan hai locais de artesanía, gastronomía, fotografía, moda, xoiería, e complementos, entre outros. O grupo de teatro Hipócrita Teatro dinamizará as rúas de Lugo repartindo promotarxetas, ao tempo que animan á cidade con animación, música e maxia.

Noticias relacionadas